A Xunta leva transferidos 1,4 M€ en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais

O Goberno galego concedeu xa 19 axudas, das que 17 se corresponden coa provincia de Ourense e 2 con Lugo

Allegue concretou que no caso do concello de Pantón, o lume afectou a 6 vivendas, 5 en Budián, das que unha é primeira residencia e o resto segundas residencias, e 1 en Acedre, tamén segunda residencia

Animou aos veciños a solicitar estas achegas, que poden acadar case 150.000 € no caso de vivendas habituais, ou os 66.000€ para segundas residencias como estas de Pantón

Pantón (Lugo), 25 de setembro de 2025

A Xunta leva transferidos 1,4 M€ en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais deste verán. Así o detallou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou o núcleo de Budián, en Pantón, para coñecer a situación das vivendas danadas polos lumes.

Destacou que o Goberno galego xa concedeu 19 axudas, das que 17 se corresponden coa provincia de Ourense e 2 con Lugo. Sinalou que dende o 1 de setembro, data na que se activaron estas axudas, un total de 110 persoas presentaron as solicitudes, que se están a tramitar.

Concretou que no caso do concello de Pantón, o lume afectou a 6 vivendas, 5 en Budián, das que unha é primeira residencia e o resto segundas residencias, e 1 en Acedre, tamén segunda residencia. A conselleira puido escoitar esta tarde á veciñanza afectada e comprobar in situ os danos.

Animou aos veciños de Pantón a solicitar estas achegas da Xunta, cuxa tramitación e resolución está a axilizar o Goberno galego, tal como se pode ver nas axudas xa outorgadas.

Cómpre lembrar que as achegas autonómicas poden acadar case 150.000 € no caso de vivendas habituais, pois aos 132.000 € para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200 € polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, como estas de Pantón, as axudas son de ata 66.000 € e 5.400 € para o enxoval.

A Xunta ten habilitadas 16 oficinas para resolver dúbidas das persoas afectadas e axudalas a presentar as solicitudes. A cidadanía tamén pode dirixirse a calquera das oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou aos concellos.