A Xunta lamenta que o documento do Plan Estatal enviado ás CC. AA. non recolla as propostas de Galicia e presentará alegacións ante un texto non consensuado

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas critica que o documento chega con “evidente retraso” poñendo en perigo a convocatoria de varias liñas de axudas vinculadas ao Plan Estatal

Allegue pide á ministra diálogo e consenso diante do que considera un documento “de imposicións” 

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, lembra que o documento enviado non tivo en conta as propostas que Galicia remitiu en decembro de 2024, unha mostra máis da falla de respeto ás CCAA

Santiago, 19 de setembro de 2025

A Xunta enviará nos vindeiros días as alegacións ao documento enviado esta mesma semana polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que recolle o articulado do futuro Plan Estatal de Vivenda. 

A conselleira María M. Allegue critica que o documento chega tarde, “o que pon en perigo a convocatoria de varias liñas de axuda”, o que cualifica de “irresponsable” por parte do Goberno central, nun contexto no que o acceso a vivenda é a principal preocupación da cidadanía.

Segundo Allegue, “falamos dun documento que non conta coa participación das CCAA”. O Ministerio trata, así, de impoñer modos de actuación e medidas que, en moitas ocasións, non son acordes coas liñas de actuación das Comunidades. Así, “en lugar de buscar coordinación opta por actuar de xeito unilateral”.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas lembra que o documento enviado non tivo en conta as propostas que Galicia remitiu en decembro de 2024, unha mostra máis da falla de respeto ás CCAA.

Por último, Allegue subliña que o novo plan modifica totalmente a firma de financiación dos plans anteriores, que pasa dunha financiación voluntaria de menos do 30% a unha aportación obrigatoria do 40%. Aínda así, a Xunta xa dixo que acepta estas condicións, “pero non se pode aprobar un plan que non estea consensuado coas Comunidades que somos as que temos as competencias”.

A Xunta de Galicia, enviará, nos vindeiros días as alegacións ao Plan, antes da Comisión  multilateral que se celebrará o vindeiro xoves 25 de setembro.