A Xunta inviste este ano 68 M€ para conservación da súa rede viaria, o maior investimento da súa historia

A Xunta conta cun plan de conservación de estradas, do que carece o Goberno central nos viarios da súa titularidade en Galicia

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025

A Xunta está a facer un importante esforzo investidor en materia de infraestruturas, especialmente na conservación e mantemento da rede viaria autonómica, de 5.500km.

Hai que ter en conta as especiais circunstancias da rede viaria en Galicia, con maior densidade  que noutras comunidades debido á dispersión da poboación que conecta. Así, a comunidade conta con 598 km de estradas por cada 1.000 km2, mentres que no conxunto de España a media é de 328 km de estradas por cada 1.000 km2. Ao que hai que engadir unha orografía complicada e unha climatoloxía máis dura, ao ser a auga a principal causa de deterioro do firme das estradas.

Por iso a Xunta está a redobrar esforzos e dos 265M€ que os orzamentos 2025 destinan a infraestruturas, un total de 68M€ son integramente para manter o estado das estradas autonómicas nas debidas condicións de vialidade, seguridade, limpeza, sinalización e comodidade, sendo o maior investimento feito pola Xunta na súa historia.

O Goberno galego tamén vén de licitar por 184M€ as tarefas de conservación extraordinaria e vialidade invernal para os vindeiros 4 anos. E aumentou os recursos para outras liñas de actuación, como o Plan de reforzos de firme. De feito, esta medida de conservación extraordinaria conta en 2025 con 28 M€.

A Xunta conta cun plan de conservación de estradas, do que carece o Goberno central nos viarios da súa titularidade en Galicia, nos que continúa a improvisar as súas actuacións. O Goberno galego vén reclamando esa planificación para as estradas estatais na comunidade.