A Xunta investirá máis de 4,1M€ na construción de 20 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro no barrio San Eleuterio-Tameiga, en Mos

Trátase dun edificio de tres alturas, con vivendas de entre 2 e 4 dormitorios, e contará con 29 prazas de garaxe e 20 rochos

María M. Allegue lembra que o prazo de presentación de ofertas para executar a obra remata o 20 deste mes, e o obxectivo é que as vivendas estean dispoñibles a mediados de 2026

Subliña que nesta lexislatura o Goberno galego duplicará o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolverá solo para 20.000 vivendas protexidas, e 5.000 libres

Mos (Pontevedra) 6 de setembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse hoxe ao concello de Mos, onde a Xunta investirá máis de 4,1M€ na construción de 20 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro no barrio de San Eleuteiro-Tameiga.

Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, achegouse ata a parcela onde se construirán o edificio que albergará estas novas vivendas, para presentar esta obra.

A Xunta licitou o pasado 1 de agosto o contrato desta actuación por máis de 4M€, e abriu o 2 de agosto o prazo ás empresas interesadas para a presentación de ofertas, que rematará o vindeiro 20 de setembro.

A conselleira explicou que estas vivendas se adxudicarán en réxime de alugueiro e o obxectivo da Xunta e que estean dispoñibles a mediados de 2026.

Tal a como destacou a conselleira, desde o Goberno galego se está a traballar arreo para duplicar o parque residencial de toda Galicia, e neste caso está en plena fase de contratación da construción destas 20 vivendas de promoción pública nesta parroquia de Tameiga.

Puxo o acento en como esta promoción de Mos se sitúa en solo cedido, de xeito gratuíto, polo Concello, sendo neste caso exemplo da colaboración “absolutamente necesaria” das entidades locais para acadar o compromiso en materia de vivenda.

O novo edificio que se construirá nunha parcela da parroquia de Tameiga terá 3 alturas, albergará 20 vivendas, que terán entre 2 e 4 dormitorios, e contará con 29 prazas de garaxe e 20 rochos.

María M. Allegue subliñou que se trata dunha edificación na que se organizará as vivendas e os diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais, “que permiten desfrutar aos residentes da entrada de luz natural,  o que permitirá tamén unha boa a ventilación dos pisos, á vez que se favorece a relación co espazo exterior".

Aposta pola vivenda protexida

Tal e como indicou a conselleira, desde a Xunta seguemos a apostar pola vivenda protexida e “duplicaremos o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas, e 5.000 libres”.