A Xunta iniciará o 24 de abril a construción do novo instituto de Vigo tras obter todas as licenzas e permisos necesarios
Logo de superar demoras administrativas alleas ao Goberno galego, que solicitou a licenza municipal en decembro de 2024, darase comezo aos traballos
Cun investimento de case 18 M€, será o primeiro centro de Secundaria construído de xeito íntegro en base aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica
Os conselleiros destacan esta actuación como un claro exemplo do compromiso da Xunta con Vigo, a cidade cun maior investimento no ensino, case 369 M€, aos que se engaden os 249 M€ de investimento de Vivenda en Navia
Vigo, 7 de abril de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron hoxe a parcela onde este mes se iniciará a construción do novo Instituto IES Domingo Villar, no barrio de Navia, en Vigo, cun orzamento autonómico de case 18 M€. Tal e como anunciaron, as obras comezarán o vindeiro 24 de abril, logo de obter xa todas as licenzas e permisos necesarios, coa previsión de rematar a finais do ano 2027.
Neste sentido, cómpre sinalar que se produciron algunhas demoras que impediron iniciar antes os traballos, en concreto por cuestións administrativas alleas á Xunta, malia que o Goberno galego pediu xa en decembro de 2024 a licenza municipal, concedida para o proxecto básico sete meses despois. Desde entón, Estradas do Estado, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, requiriu diversa documentación á Xunta sobre o proxecto de execución e mesmo se produciron reunión cos seus técnicos ata que, finalmente, a pasada semana resolveu favorablemente e xa non hai condicionamentos.
Cómpre lembrar que a obra de construción do IES Domingo Villar está adxudicada desde novembro de 2025. Porén, a demora administrativa obrigou a modificar a data prevista para o inicio das obras, e por conseguinte, da actividade do centro. Da construción encargarase a Consellería de Vivenda, mentres que o deseño e o financiamento corresponde a Educación.
Os representantes da Xunta destacaron este proxecto de Navia como un claro exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo. Non en balde, con máis de 31 M€ nos últimos anos, Vigo é o concello con maior investimento en obras educativas de toda Galicia, ademais de ser a cidade de Galicia na que máis se inviste no eido educativo, case 369 M€. Así mesmo María M. Allegue subliñou os 249 M€ de investimento de Vivenda só en Navia.
Román Rodríguez lembrou que este será o primeiro instituto construído de xeito íntegro en base aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, o que o converterá “nunha referencia en toda España”. “Isto supón un salto adiante en termos cualitativos, dado que estamos a falar dun modelo de centros máis flexible e adaptado ás necesidades da educación do século XXI, con espazos versátiles cuxo uso vai dar resposta a diferentes funcións segundo precise o centro e nos que o alumnado vai contar con lugares de lecer verdes malia a estar na cidade”, explicou o titular de Educación do Goberno galego.
Pola súa banda, segundo explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de infraestruturas, os traballos iniciaranse con actuacións de movemento de terras e a execución da estrutura do edificio, cun prazo previsto de execución de 21 meses.
Allegue explicou que o novo IES se situará no polígono 2 de Navia, actualmente en proceso de urbanización, onde a Xunta avanza a bo ritmo. Neste sentido, subliñou que o centro educativo forma parte do desenvolvemento do novo Navia, no que xa hai en marcha máis de 900 vivendas públicas, das que 300 se atopan xa con execución de obra.
Concretou que no polígono 2, a Xunta ten xa licitadas as obras de 222 vivendas e están en redacción os proxectos para outras 345, entre as que se inclúe un inmoble de 80 aloxamentos compartidos e de carácter temporal.
Espazos flexibles
O Instituto IES Domingo Villar de Vigo terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupa unha superficie total de preto de 8.200 m², divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca. De acordo cos parámetros sinalados, a organización será flexible e versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables. Con este mesmo obxectivo, dotarase ao instituto de con foros, espazos polivalentes centrais e comúns que permiten expandir as aulas para poder compartir traballos ou experiencias.
Cada curso de ESO ou Bacharelato terá o seu propio grupo didáctico. Nel están as aulas de clase, a de desdobre e o foro correspondente. As clases terán a posibilidade de agruparse dúas a dúas por medio de tabiques móbiles. Os foros, zona de traballo común para todos os grupos do mesmo curso, poderán ampliarse retirando o tabique móbil que o separa da aula de desdobre para adaptar o espazo a cada circunstancia que xorda.
Edificio máis verde
O novo edificio será, ademais, máis respectuoso co medio ambiente. Así, búscase a maior eficiencia enerxética protexendo do sol cun beiril as carpinterías exteriores na fachada sur das zonas en contacto cos patios cun beiril, ao tempo que se aproveita a entrada de luz e a ganancia térmica nos meses fríos. Ademais, todas as aulas e zonas sensibles disporán de protección acústica, debido á proximidade da vía de alta capacidade.
No caso dos espazos de lecer, integrarase a masa arbórea situada ao norte da parcela, de especies autóctonas con valor ambiental e paisaxístico, que funcionará como eixo vertebrador das circulacións do novo centro e como un patio verde. Ademais, para separar o centro da vía de alta capacidade próxima, proxéctase un noiro vexetal e unha barreira de árbores novas. Tamén se habilitará unha zona de aparcamento de bicicletas, inmediata ás novas ciclovías do barrio de Navia, para apoiar a nova mobilidade de proximidade.
O novo instituto será, ademais, accesible e inclusivo, de tal forma que se evitan as barreiras ás persoas con mobilidade reducida e se coloca sinalética e grafismos de tamaño e cor moi visibles que aclaren os itinerarios dentro do edificio.