A Xunta inicia a urbanización do Polígono 2 de Navia en Vigo
O Goberno galego fai un investimento de 16,3 M€ nesta actuación
A previsión é que as obras rematen a finais do ano 2026
A titular de Vivenda destaca que no Polígono 2 de Navia a Xunta xa ten marcha 577 vivendas de promoción pública e 929 en total en todo o barrio
A conselleira pide aos concellos o mesmo compromiso que a Xunta para impulsar a vivenda protexida
Vigo, 6 de agosto de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou hoxe o inicio das obras de urbanización do Polígono 2 do barrio de Navia da cidade olívica. O Goberno galego fai un investimento de 16,3 M€ nesta actuación, que está previsto que estea rematada a finais do ano 2026.
A conselleira destacou que, aínda que se comezan as obras para instalar a rede de saneamento, redes de telecomunicacións, iluminación ou para crear xardíns e zonas de ocio, entre outros servizos, a Xunta leva xa tempo traballando no ámbito, e ten en marcha 577 fogares en diferentes fases de tramitación. En concreto, indicou que xa está en redacción o proxecto para 9 inmobles.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego “dá un paso máis en Navia, que cada vez colle máis forza, máis forma. Un barrio mozo, contemporáneo, con vivendas de calidade a prezos accesibles e instalacións modernas e sostibles que é bandeira da Xunta”.
M. Allegue reiterou a aposta do Goberno galego por Vigo, “onde a Xunta ten comprometidos 248 millóns para Navia e xa están en execución máis da metade, e onde están previstas 1.600 vivendas de promoción pública ” e convidou ao Concello a sumarse a traballar a prol da vivenda, xa que “os concellos tamén teñen competencia na materia”.
A conselleira recordou que xa están en marcha en Navia 929 vivendas en diferentes fases de execución no Polígono 1 e no Polígono 2, e en obras, 6 edificios para máis de 200 vivendas.