A Xunta inicia a tramitación para a construción de 17 vivendas públicas no concello coruñés de Culleredo

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) promoverá estas 17 vivendas, que se construirán nunha parcela da rúa Alcalde Domingo Sierra, en Vilaboa, cedida pola Consellería de Facenda e Administración Pública á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

A Xunta prevé investir máis de 3,2M€ na execución das obras destas novas vivendas públicas

Vipugal licita hoxe a redacción do proxecto e da dirección de obra destes novos fogares por un importe de preto de 135.000 euros e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de xaneiro

Culleredo (A Coruña), 11 de decembro de 2025

A Xunta inicia a tramitación para a construción de 17 vivendas de promoción pública no concello coruñés de Culleredo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, deu conta hoxe desta nova promoción, na que a Xunta prevé un investimento de máis de 3,2M€ na execución das obras.  Anunciou que nesta xornada sae a licitación por case 135.000 euros a redacción do proxecto e da dirección de obra para construír estes novos fogares.

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que xa ten en marcha 1.900 vivendas en Galicia, promoverá estes novos 17 fogares públicos, que se construirán nunha parcela da rúa Alcalde Domingo Sierra, en Vilaboa, cedida pola Consellería de Facenda e Administración Pública á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

As empresas poderán presentar ofertas para a redacción deste proxecto ata o 23 de xaneiro e, unha vez adxudicado, os técnicos ou adxudicatarias terán un prazo de cinco meses para a súa elaboración. A conselleira destacou que a Xunta prevé que estas novas vivendas sexan unha realidade antes de que remate esta lexislatura.

Allegue destacou que a Xunta está a apostar pola colaboración cos concellos para acadar solo onde construír vivenda e dar resposta á actual demanda. Na provincia da Coruña, si  cederon xa parcelas outros concellos como Arteixo, Carballo, Narón, Ames ou Teo para a construción de novos fogares.

No marco do reto para duplicar o parque público residencial con 4.000 novas vivendas en 2028, a Administración autonómica ten xa en marcha neste momento preto de 3.000 vivendas, e o vindeiro 2026 entregaranse xa fogares en Santiago, Pontevedra, A Coruña e Ourense. 

Ademais, a través da Estratexia Galega de Solo Residencial están tamén en marcha 11 Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solos na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo (2), Santiago, Vilagarcía de Arousa, Arteixo, Marín e O Porriño.

Para afondar nestes obxectivos, os orzamentos da Xunta para o 2026 destinarán 350M€ a políticas de vivenda, dos que 163M€ se destinarán a construción de novos fogares.