A Xunta inicia as obras dun segundo edificio de 24 vivendas públicas no barrio do Bertón en Ferrol

O investimento nesta actuación ascende a un total de 7M€, dos que un 83% son fondos propios da Xunta

Polo menos un 40% destes fogares reservaranse para menores de 36 anos

Este é o segundo inmoble de promoción pública en obras na cidade, sumando 48 vivendas en construción

Allegue pon en valor que o Goberno galego ten comprometidos máis de 80M€ en actuacións en materia de vivenda na cidade

O edificio contará con elementos como unha bomba de calor de aerotermia e paneis fotovoltaicos no tellado, para acadar unha alta eficiencia enerxética

Ferrol (A Coruña), 5 de agosto de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou a parcela na que hoxe se inician as obras dun novo inmoble de promoción pública para 24 fogares, o segundo que o Goberno galego inicia no barrio do Bertón de Ferrol. Así, a Xunta ten en construción 2 edificios que albergarán 48 vivendas, das 363 en marcha, en diferentes fases de execución, nesta zona da cidade.

O inmoble está situado no cuarteirón 1 da parcela 1 no Polígono de O Bertón, na Rúa As Constituíntes, e disporá de 3 vivendas de 2 dormitorios, 1 delas adaptada, 18 fogares de 3 dormitorios e 3 pisos de 4 dormitorios.

Os fogares resultantes formarán parte do parque público destinado a alugueiro accesible e destinaranse, polo menos nun 40%, a menores de 36 anos. A previsión é que as obras rematen a finais do 2026.

A conselleira salientou que o investimento total da actuación é de 7M€, un 83% de fondos propios. M. Allegue recordou que o Goberno galego ten comprometidos máis de 80M€ en actuacións en vivenda na cidade.

Un inmoble eficiente enerxeticamente e sustentable

Os fogares estenderanse da fachada dianteira á traseira, con zonas diferenciadas de día e de noite e terán unha alta eficiencia enerxética. Contarán cun sistema de bomba de calor de aerotermia para calefacción e auga quente e paneis fotovoltaicos no tellado, entre outros elementos que fomentan a sustentabilidade do edificio.