A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 60 vivendas en alugueiro accesible en Santiago

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña deu conta do sorteo público que se celebrará o 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia

Nos 3 inmobles que albergan os fogares, de nova construción, a Xunta fixo un investimento de 12,3M€, dos que 3M€ son fondos europeos

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de iniciar o procedemento para a adxudicación de 60 vivendas de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible en Santiago de Compostela.  Os 3 inmobles que albergan os novos fogares están situados nos barrios Castiñeiriño e Lamas de Abade. A Xunta fixo un investimento de máis de 12,3M€ nestes edificios, dos que 3M€ son fondos europeos.

En concreto, un dos novos inmobles está situado na rúa Castiñeiriño 81, con 24 vivendas, das que 9 serán destinadas a alugueiro a menores de 36 anos e unha, adaptada, a persoas con mobilidade reducida. O segundo edificio está na rúa Virxe Branca s/n (Lamas de Abade) e disporá de 24 fogares, dos que 9 serán destinados a alugueiro a menores de 36 anos e unha, adaptada, a persoas con mobilidade reducida.

Por último, un edificio na rúa Constantino Limia Nogueira s/n (Lamas de Abade), que contará con 12 vivendas, das que 5 serán destinadas a alugueiro a menores de 36 anos.

Así o acordou a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, que deu conta do sorteo público que se celebrará o próximo 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para o concello de Santiago como concello preferente, na data na que se publique no Diario Oficial de Galicia o inicio do procedemento. A adxudicación farase en réxime de alugueiro, cuns ingresos entre 0,7 e 3 veces o IPREM.

Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.