A Xunta inicia en Pontevedra a primeira obra da sociedade Vipugal na comunidade con 56 vivendas pública en Valdecorvos cun investimento de 9,8 M€
Allegue pon en valor a actividade excepcional desenvolvida pola sociedade desde a súa creación hai 14 meses, con 2.400 vivendas en marcha, entre proxectos, licitacións e obras
Incide na outra obra en execución en Valdecorvos de 74 vivendas públicas que está a piques de rematar e que se entregará ao longo deste ano
Subliña que a Xunta ten en marcha arredor de 300 vivendas de promoción pública na cidade, das que 236 se concentran en Valdecorvos, onde máis da metade —130 fogares— están xa en execución
Pontevedra, 24 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe en Pontevedra o inicio das obras dunha nova promoción de 56 vivendas de promoción pública (VPP) en Valdecorvos, a primeira obra pública que se executa en toda a Comunidade a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal).
A titular de Vivenda subliñou que esta promoción supón un novo fito no compromiso do Goberno galego de incrementar o parque residencial público da cidade, onde comeza a segunda promoción que entra en obras nesta lexislatura en Pontevedra, cun investimento de preto de 10M€ (9,8M€). Neste sentido, puxo en valor o traballo desenvolvido por Vipugal desde a súa creación hai 14 meses, podendo falar dunha actividade excepcional con 2.400 vivendas en marcha, entre proxectos, licitacións e obras.
En relación coa actuación iniciada hoxe, detallou que estará integrada por tres bloques de cinco alturas, cun deseño moderno e sostible coa que se está deseñar as promocións públicas impulsadas pola Xunta. E, tamén contará, con exteriores entre os bloques con espazos e zonas verdes para uso da veciñanza, con accesos peonís ata os portais. En definitiva, tal e como subliñou a conselleira, unha obra baixo o selo de Galicia Calidade.
Allegue lembrou que moi próxima a esta promoción atópase outra actuación de 74 vivendas públicas que está a piques de rematar e que se entregará ao longo deste ano.
Con estas intervencións, a Xunta ten en marcha arredor de 300 vivendas de promoción pública na cidade, das que 236 se concentran en Valdecorvos, onde máis da metade —130 fogares— están xa en execución. Tamén están licitadas neste momento as obras para 48 vivendas públicas neste mesma zona da cidade, por 9,5M€. As empresas teñen de prazo ata o 26 de marzo para as súas ofertas.
E se están redactando os proxectos das 118 vivendas que se construirán nas 3 parcelas cedidas polo Concello (54 en Valdecorvos, 53 en Ernestina Otero e 11 nas Devesas). E tamén están avanzados os proxectos para converter 4 baixos de Valdecorvos en vivendas.
Finalmente, a responsable autonómica concluíu asegurando que a Xunta avanza no cumprimento dos prazos marcados para dar resposta ao reto de seguir garantindo o acceso á vivenda e amosou a súa vontade de regresar proximamente a Pontevedra para facer entrega das primeiras vivendas desta lexislatura.