A Xunta inicia a construción dun novo edificio de 14 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña

Allegue destaca que a Xunta inviste na obra 3,3M€, un 80% de fondos propios

Un 40% das vivendas serán para alugueiro accesible para menores de 36 anos

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salienta que o Goberno galego ten en Xuxán 144 vivendas, das que 104 están en obras

A conselleira subliña que a cesión de novos solos de titularidade municipal permitirá construír unhas 100 vivendas públicas máis e sinala que “ese é o camiño” para facilitar o acceso á vivenda á veciñanza da Coruña

A Coruña, 24 de abril de 2025

A Xunta vén de iniciar a construción dun novo edificio que albergará 14 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña, cun investimento na obra de 3,3M€, 80% de fondos propios. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe  a parcela onde se comezan as obras e destacou que a Xunta xa ten neste barrio de Xuxán 144 fogares, dos que 104 están en construción.

O inmoble terá dúas plantas e disporá de 14 vivendas de 2 dormitorios, cunha superficie útil entre 65,83 e 79,52 m². Unha porcentaxe de como mínimo un 40% destinarase a alugueiro accesible para menores de 36 anos.

María M. Allegue agradeceu a participación do sector nas licitacións da Xunta, e así colaborar co reto de duplicar o parque residencial nesta lexislatura ata acadar 4.000 novas vivendas, das que xa están en marcha en distintas fases máis de 2.000.

Ademais, a conselleira destacou que “a cesión de 4 novas parcelas de titularidade municipal permitirá construír uns 100 fogares máis”. María M. Allegue subliñou que “é fundamental que as institucións colaboren para facilitar o acceso á vivenda á veciñanza da Coruña”. Lembrou así mesmo que en Xuxán a Xunta ten solicitada a modificación do PXOM para cambiar o uso de oficina a residencial en dúas parcelas, nas que se poderán crear medio milleiro de vivendas máis.

María M. Allegue tamén puxo en valor o Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Monte Mero, onde se prevén 4.310 vivendas, o 80% protexidas, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial.

Ademais, no eido da rehabilitación, a través do programa Rexurbe, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou que a licitación da obra de recuperación dun edificio na rúa San Andrés, para habilitar 4 vivendas, resolverase nos próximos días e que está en execución a redacción do proxecto para a renovación doutro inmoble na rúa Santa María, que albergará 3 vivendas máis.