A Xunta inicia a construción de 16 vivendas públicas en Vigo, que suporán un investimento de 4,3 M€ e nas que se empregarán técnicas industrializadas

Allegue subliñou que as técnicas industrializadas son clave para mellorar os prazos, a eficiencia ou a calidade construtiva

Concretou que neste edificio en Navia se van instalar pezas prefabricadas de paneis de madeira contralaminada, tanto na estrutura como nos cerramentos; e tamén se incorporarán módulos industrializados para os ascensores e as escaleiras

Remarcou que con este xa son 4 os edificios en Navia, para máis de 100 vivendas públicas, nas que xa se primaron as técnicas industrializadas na licitación

Vigo, 27 de xaneiro de 2026

A Xunta inicia a construción de 16 novas vivendas públicas en Vigo, que suporán un investimento de 4,3M€ e nas que se empregarán técnicas industrializadas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, detallou hoxe esta actuación.

Allegue explicou que esta nova intervención en Navia reflicte a aposta da Xunta pola innovación e as técnicas industrializadas como unha ferramenta clave para mellorar os prazos, a eficiencia ou a calidade construtiva.

Concretou que nesta obra se van instalar pezas prefabricadas de paneis de madeira contralaminada, tanto na estrutura como nos cerramentos; e tamén se incorporarán módulos industrializados para os ascensores e as escaleiras.

Salientou que Galicia quere ser referente estatal na industrialización da construción e a Xunta vai acompañar ao sector neste reto, apostando por estas técnicas na promoción pública.

Apuntou que a Xunta firmou un convenio co Clúster da Construción e xa está a traballar, entre outros, no ‘Mapa de capacidades de técnicas industrializadas’, a piques de rematar.

Ademais lembrou que o Goberno galego está a traballar en pregos que priman estas técnicas, puntuando as mellores ofertas para a industrialización da estrutura, da fachada, dos ocos do ascensor, das escaleiras ou de instalacións como baños e cociñas, tal como se procedeu na licitación da obra hoxe detallada.

Cómpre recordar que a Xunta ten actualmente en marcha preto de 500 vivendas de promoción pública nas que se van aplicar técnicas industrializadas. Algúns destes proxectos xa están en obras, como os 4 edificios en Navia, para máis de 100 vivendas.

Outro exemplo é un edificio en Xuxán, de 40 vivendas públicas, onde o avance da obra grazas á industrialización de procesos permitiu realizar o sorteo de adxudicación xa a semana pasada. Ademais, empregouse este sistema nunha promoción de 20 vivendas en Mos, que estarán rematadas este ano.