A Xunta formaliza o contrato para a redacción do proxecto de construción de 56 vivendas de promoción pública en Valdecorvos, no concello de Pontevedra

Este contrato foi adxudicado por un orzamento de 260.769 euros, e conta cun prazo de execución de tres meses e medio

O inmoble construirase na parcela P-14 do Polígono B1 de Valdecorvos, que conta con 3.201m2 de superficie, e os traballos de construción están presupostados en 8,7M€

Estas vivendas sumaranse ás 74 en execución desde o pasado mes de xullo

En total, o investimento previsto na construción das 178 vivendas de Valdecorvos superará os 35 M€

Santiago de Compostela 14 de xaneiro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, vén de formalizar a contratación do servizo de redacción do proxecto para a construción de 56 vivendas, na parcela P-14 en Valdecorvos, no concello de Pontevedra.

O contrato asinado foi adxudicado ao estudo Iglesias y Veiga Arquitectos, SLP por un orzamento de 260.769 euros, e conta cun prazo de execución de tres meses e medio.

O inmoble construirase na parcela P-14 do Polígono B1 de Valdecorvos, que conta con 3.201m2 de superficie, e os traballos de construción están presupostados en 8,7M€. 

Baixo este contrato trátase de deseñar o proxecto para executar, na citada parcela, un novo edificio dunha altura de baixo, catro plantas e baixo cuberta, e nel habilitaranse 56 vivendas, garaxes, rochos e locais en tres bloques independentes, compostos por planta soto (común aos tres bloques), baixa, 4 plantas altas e baixo cuberta.

Cómpre lembrar que a Xunta ten en execución desde xullo do pasado ano a construción de 74 vivendas de promoción pública na parcela P-16 de Valdecorvos. Ademais, o pasado mes de decembro foi tamén adxudicada a redacción do proxecto para a construción de 48 vivendas, na parcela P-17 en Valdecorvos, cuxas obras están presupostadas en 7,3M€.

En total, o investimento previsto pola Administración autonómica na construción das 178 vivendas de Valdecorvos superará os 35 millóns de euros.