A Xunta expón a súa política de vivenda no marco dun seminario organizado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, destacou que a vivenda é unha das prioridades da Xunta nos Orzamentos para 2025, triplicando os fondos destinados á construción de vivendas de promoción pública para alugueiro social

Santiago de Compostela 8 de novembro de 2024

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou hoxe nunha mesa de diálogo sobre os retos pendentes para garantir o acceso á vivenda digna, axeitada e accesible, no marco do seminario por EAPN Galicia, Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social.

Na súa intervención, García Porto puxo de manifesto os programas da Xunta que teñen como obxectivo facilitar o acceso á vivenda en Galicia. Destacou o compromiso de duplicar o parque de vivenda pública nesta lexislatura e que se concreta xa nas 1.600 que en só seis meses puxo en marcha a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e que xa se atopan en obras ou con obra ou proxecto licitado.

Ademais, segundo explicou, a Xunta conta con axudas inmediatas para facilitar o acceso á vivenda aos colectivos máis desfavorecidos, como é o Bono de alugueiro social, ademais de axudas para o alugueiro ou para adquisición de vivenda.

Na actual situación de dificultade de acceso á vivenda, esta é unha das prioridades da Xunta, como o demostran os orzamentos para 2025, nos que se prioriza a construción de vivenda de promoción pública que se destinará a alugueiro social, triplicando os fondos destinados a este fin.

A participación do secretario xeral de Vivenda na xornada enmárcase no ámbito da colaboración permanente entre este organismo e as organizacións que desenvolven o seu traballo no eido da vivenda.