A Xunta explica os seus proxectos de vivenda pública e solo residencial na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo participou na xornada organizada polo centro coa charla “Políticas públicas en materia de vivenda e novas medidas lexislativas na Comunidade Autónoma de Galicia”

García Porto tamén participou esta mañá en Santiago nas xornadas “Cara a unha Axenda Territorial de Galicia. Integración urbana e rural”, que se están a celebrar na sede da Fundación RÍA coa participación de expertos de urbanismo, mobilidade, vivenda e cohesión social

A Coruña, 20 de novembro de 2024

“Políticas públicas en materia de vivenda e novas medidas lexislativas na Comunidade Autónoma de Galicia” foi o título da charla impartida polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Despois de realizar unha radiografía da situación actual da vivenda en Galicia a partir dos datos que ofrecen as estatísticas oficiais, García Porto explicou os programas que a Xunta ten en execución para dar resposta ás necesidades de vivenda.

Así, indicou que a Xunta de Galicia ten como obxectivo da actual lexislatura duplicar o parque público de vivenda ata acadar as 8.000 unidades e que nos primeiros sete meses de lexislatura xa se está a traballar en máis de 1.600 vivendas de promoción pública ás que se sumarán novas licitacións nas vindeiras semanas o que permitirá contar con máis de 2.000 vivendas licitadas.

Para iso a Xunta conta con solo urbanizado propio e está en conversas cos concellos das cidades para que os mesmos cedan solo da súa propiedade que permitan novas promocións. Ademais, rehabilitaranse vivendas existentes que xa foron adquiridas pola Xunta e mercaranse outras vivendas a particulares e Sareb.

Polo que respecta ao solo residencial, indicou que se está a traballar en colaboración cos concellos das grandes cidades e outros do seu entorno co obxectivo de desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres e indicou que, unha vez realizados diversos estudos de viabilidade, o próximo paso será a licitación da redacción dos documentos urbanísticos, como os proxectos de interese autonómico e proxectos de urbanización, así como os proxectos de expropiación dos terreos necesarios para as actuacións previstas.

Finalmente, García Porto explicou as medidas introducidas na Lei de acompañamento dos orzamentos para 2025, que están dirixidas a reducir os prazos para a construción das vivendas de promoción pública e para o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida, co fin de obter os resultados previstos no menor prazo posible, poñendo vivendas a disposición dos cidadáns e solo urbanizado a disposición dos promotores e cooperativas de vivendas.

Tamén explicou que outras medidas van dirixidas a mellorar a calidade das vivendas, facilitando o uso de espazos exteriores como balcóns e terrazas, o que repercute tanto na habitabilidade das vivendas como na mellora da súa eficiencia enerxética.

Axenda Territorial de Galicia

Por outra banda, García Porto tamén participou esta mañá en Santiago de Compostela nas xornadas Cara a unha Axenda Territorial de Galicia. Integración urbana e rural’, que se están a celebrar na sede da Fundación RÍA coa participación de expertos de urbanismo, mobilidade, vivenda e cohesión social.