Escoitar
A Xunta entrega unha vivenda de promoción pública en réxime de alugamento en Monterroso
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, lembra que todas as persoas interesadas en acceder a este recurso deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite que ten aberto o prazo durante todo o ano
Monterroso (Lugo), 29 de setembro de 2026
A Xunta entregou hoxe unha vivenda de promoción pública en réxime de alugamento na rúa do Mato de Monterroso. Conta cunha superficie de 85 metros cadrados e catro dormitorios.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, asistiu ao acto de entrega das chaves á persoa adxudicataria, seleccionada por sorteo entre os solicitantes de vivenda protexida do municipio.
Villares explicou que todas as persoas interesadas en acceder a este recurso deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite gratuíto que ten aberto o prazo durante todo o ano. A inscrición pode facerse online dende a sede electrónica da Xunta ou de maneira presencial nas oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Destacou que a Xunta impulsa diferentes medidas e liñas de axudas para facilitar o acceso da cidadanía galega á vivenda. A principal novidade é o aumento dos límites máximos de renda para optar ás residencias protexidas, co fin de que poidan beneficiarse máis familias, unha iniciativa que entrou en vigor este ano.
Tamén salientou as axudas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para que os menores de 36 anos adquiran un domicilio en concellos cunha poboación inferior aos 10.000 habitantes, cuxa convocatoria permanece aberta ata o 16 de novembro.