A Xunta entrega unha nova vivenda rehabilitada no barrio de Ferrol vello ao abeiro do Plan Rexurbe

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na entrega de chaves do inmoble

Aneiros destacou que o Goberno galego ten en marcha na cidade 353 vivendas de promoción pública

Ferrol, 23 de xullo de 2026.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, participou hoxe na entrega de chaves dunha vivenda de promoción pública no barrio de Ferrol Vello ao abeiro do Plan Rexurbe.

Como sinalou a representante autonómica, esta é unha das dúas vivendas obtidas na rehabilitación dun inmoble que abrangue dous números da rúa Carme Curuxeiras. Ademais na mesma rúa a Xunta tamén recuperou o número 8 para acadar outras 3 vivendas que xa foron entregadas. O Goberno galego investiu un total de 1,9M€ para acadar estas 5 vivendas que se ofreceron en alugueiro accesible.

Aneiros remarcou que estas actuacións son posibles grazas ao Plan Rexurbe da Xunta, “que permite recuperar vivendas deterioradas para logo destinalas a alugueiro accesible”. Ademais, segundo explicou, este programa contribúe a revitalizar os concellos, “atraendo máis poboación e xerando emprego”.

“A Xunta ten en marcha en Ferrol 353 vivendas de promoción pública en O Bertón”, destacou Aneiros, facendo fincapé en que, en só nun mes, se licitaron as obras para 116 vivendas deste tipo na cidade. O investimento en construción de VPP en Ferrol supera os 56 millóns de euros.

A Xunta está a impulsar novas medidas para facilitar o acceso á vivenda, especialmente á mocidade, coa nova reserva do 30% en venda para persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos, que se suma ás reservas do 40 e 25 por cento das vivendas que se constrúan para alugueiro e para venda, respectivamente, destinadas a menores de 36 anos. Ademais vaise elevar aos 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais autonómicos para adquirir a primeira vivenda, que ata agora era ata 36 anos.