A Xunta entrega tres vivendas de promoción pública en réxime de alugamento en Monforte de Lemos

Monforte de Lemos (Lugo), 19 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia formalizou hoxe a entrega en réxime de alugueiro de tres vivendas de promoción pública situadas nos números 71 e 73 da rúa Benito Vicetto de Monforte de Lemos; contan con 82 metros cadrados de superficie, tres dormitorios, garaxe e rocho.

Forman parte dun paquete de seis vivendas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) comprou no municipio en decembro do 2024, cinco nesta rúa e a sexta na rúa Ourense. Todas foran construídas polo propio IGVS e adxudicadas en réxime de compravenda; pasado o tempo, os adxudicatarios manifestaron o seu interese en vendelas e adquiriunas o Instituto aos prezos marcados pola normativa. A Xunta aplicou esta medida para recuperar para o parque público un total de 41 pisos na provincia de Lugo e  80 no conxunto de Galicia, cun investimento global de 5.253.531 euros.

As persoas interesadas en optar a estas adxudicacións deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Galicia, preferiblemente por vía electrónica, aínda que tamén se admiten solicitudes presencialmente nos rexistros oficiais.