Escoitar
A Xunta entrega tres novas vivendas públicas en alugueiro accesible trala rehabilitación dun inmoble en Ferrol Vello ao abeiro do programa Rexurbe
Os beneficiarios son tres persoas menores de 36 anos, que aboarán entre 99 e 141 euros mensuais de alugueiro
O inmoble rehabilitado sitúase na rúa Carme Curuxeiras, onde a Xunta tamén xa reformou outro edificio para dúas vivendas públicas, acadando 5 fogares na zona
Subliñou o dobre obxectivo do programa autonómico Rexurbe, que permite ofrecer vivenda accesible e contribúe a recuperar os centros históricos
O Goberno galego ten ademais en marcha 353 vivendas públicas nesta cidade, a meirande parte no Bertón
Ferrol, 4 de xuño de 2026
A Xunta entrega tres novas vivendas públicas en alugueiro accesible trala rehabilitación dun inmoble en Ferrol Vello ao abeiro do programa Rexurbe.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo entrega destes novos fogares a tres persoas menores de 36 anos, que aboarán alugueiros entre 99 e 141 euros mensuais.
O inmoble rehabilitado sitúase na rúa Carme Curuxeiras, no Ferrol Vello, onde a Xunta tamén xa reformou outro edificio para dúas vivendas públicas. Deste xeito, como destacou a conselleira, son 5 os novos fogares acadados nesta contorna e que serán cualificados como vivendas públicas.
Estes fogares, segundo explicou a conselleira, son froito dun “inmoble rehabilitado con excepcional calidade e moito coidado nos detalles”.
Lembrou que o edificio está ubicado na zona de Ferrol Vello, unha contorna que a Xunta está a recuperar a través de distintas actuacións do programa Rexurbe.
Subliñou o dobre obxectivo do programa Rexurbe, que ademais de permitir ofrecer vivenda accesible, contribúe a recuperar os centros históricos, mellorando a imaxe urbana e favorecendo que máis persoas queiran vivir e traballar nestas áreas.
Ademais o Goberno galego ten en marcha 353 vivendas públicas, a meirande parte no Bertón.