A Xunta entrega en réxime de alugueiro tres vivendas de promoción pública en Viveiro
Viveiro (Lugo), 19 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia formalizou hoxe a entrega en réxime de alugueiro de tres vivendas públicas situadas na promoción do Pedregal, en Viveiro; unha delas conta con 75 metros cadrados de superficie e catro dormitorios, ademais de garaxe e rocho, mentres que as outras dispoñen de 61,5 metros cadrados de superficie e tres cuartos.
As persoas interesadas en optar a estas adxudicacións deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Galicia, preferiblemente por vía electrónica, aínda que tamén se admiten solicitudes presencialmente nos rexistros oficiais.
O Goberno galego traballa para incrementar o parque público de vivenda a través de diferentes vías. Así, nos últimos meses adquiriu en Viveiro unha vivenda que no seu día fora construída polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e adxudicada en réxime de compravenda; pasado o tempo, os adxudicatarios manifestaron o seu interese en vendela e adquiriuna o Instituto ao prezo marcado pola normativa. Mediante esta fórmula, o IGVS mercou 80 pisos en Galicia que estaban en mans de particulares ou da Sareb -41 deles na provincia de Lugo- cun investimento global de 5,2 millóns de euros.