A Xunta entrega dúas novas vivendas rehabilitadas en Betanzos ao abeiro do programa Rexurbe, adxudicadas en réxime de alugueiro

As vivendas sitúanse nas rúas Nova e Cortaduría e o investimento na rehabilitación dos inmobles en que se emprazan ambas vivendas suma preto de 800.000€

Con estas vivendas son xa 15 as entregadas pola Xunta en Betanzos ao abeiro das rehabilitacións no programa Rexurbe, mentres que as obras noutras cinco vivendas están xa na súa recta final e está pendente a licitación dos traballos en dúas máis

A conselleira subliña a aposta da Xunta por facilitar á cidadanía o acceso á vivenda “nunhas contornas agradables e cómodas para vivir” e o programa Rexurbe, “que permite dar nova vida ás vivendas e revitalizar os centros históricos”

Betanzos (A Coruña), 10 de decembro de 2024

A Xunta vén de entregar en Betanzos dúas novas vivendas rehabilitadas ao abeiro do programa Rexurbe e adxudicadas en réxime de alugueiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, fixo entrega hoxe destas vivendas situadas nas rúas Nova e Cortaduría, coas que a Administración galega suma 15 adxudicadas ao abeiro deste programa Rexurbe en Betanzos.

A Xunta ten investido preto de 800.000€ na rehabilitación dos dous inmobles onde se sitúan as vivendas entregadas hoxe e as outras dúas xa entregadas con anterioridade. A conselleira subliñou a calidade da reforma realizada, destacando que “son rehabilitacións deseñadas con gusto e detalle, coas que ademais de recuperar arquitectonicamente os nosos barrios, os revitalizamos. Reforzamos o atractivo das nosas vilas e cidades para darlle pulo ao turismo, ao comercio local, e as dinamizamos social e economicamente”.

“Cada entrega de vivenda que realizamos, significa un novo comezo  para as persoas que as habitan -indicou-. E, para a Xunta, outro paso máis neste camiño que temos marcado  para facilitar á cidadanía o acceso a unha vivenda de calidade, nunhas contornas agradables e cómodas para vivir”.

Co programa Rexurbe, a Administración autonómica adquire inmobles emprazados nos conxuntos históricos para rehabilitar, se poden ser recuperados, ou construír outros novos nos solares baleiros, para logo destinalos en alugueiro.

En Betanzos, en concreto, a través deste plan rehabilítanse 17 inmobles para poñer a disposición da cidadanía un total de 22 vivendas e 3 baixos comerciais. Desa cifra, 15 xa están entregadas, outras 5 están en obras, xa na recta final, e dúas pendentes da licitación das obras. O investimento acada 5,5M€ tanto coa adquisición como as obras de rehabilitación.

No conxunto de Galicia, temos adquirido 93 inmobles nos que se prevé obter arredor de 165 vivendas e 13 locais, cun investimento de máis de 17M€. Ademais de Betanzos, os outros centros históricos onde se está a actuar son os de Mondoñedo, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilalba. As vivendas habilitadas cualifícanse como VPP e pasan a formar parte do parque de vivenda en alugueiro, adxudicándose a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia,

A conselleira incidiu na aposta que a Xunta está a realizar en materia de vivenda, co reto nesta lexislatura de duplicar o parque público residencial en Galicia ata acadar a cifra de 8.000 vivendas públicas, así como o de desenvolver solo no que habilitar 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.