A Xunta entrega dúas novas vivendas de alugueiro social rehabilitadas no centro histórico de Betanzos ao abeiro do Programa Rexurbe
Coas vivendas adxudicadas hoxe, cuxos beneficiarios pagarán unha renda mensual en torno aos 200€, xa son 13 as entregadas pola Xunta aos seus beneficiarios
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue subliña a calidade das rehabilitacións e a revitalización da contorna do casco histórico que propician: “Ademais de construír fogares, construímos tamén barrio e dinamizamos a economía”
As reformas levadas a cabo nos inmobles das rúas Cortaduría e Venela de Clérigos sumaron un investimento de medio millón de euros
M. Allegue, destaca que a Xunta ten no centro histórico de Betanzos rehabilitados ou en proceso de rehabilitación un total de 17 inmobles, cun investimento de máis de 5,5M€ e que permitirán poñer a disposición da cidadanía 22 vivendas e 3 locais comerciais
Betanzos (A Coruña), 8 de outubro de 2024
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, entregou hoxe aos seus novos adxudicatarios dúas vivendas froito da rehabilitación de dous inmobles no centro histórico de Betanzos, ao abeiro do Programa Rexurbe.
Nesta rehabilitación dos inmobles, situados nas rúas Cortaduría e Venela de Clérigos, a Xunta realizou un investimento de máis de medio millón de euros e con estas vivendas son xa 13 as entregadas polo Goberno galego froito do programa Rexurbe posto en marcha no ano 2017.
“Son, como podemos ver, rehabilitacións exemplares -subliñou a conselleira-, feitas con mimo e calidade, coas que ademais de construír fogares construímos tamén barrio e dinamizamos a economía: os comercios benefícianse, foméntase a convivencia. En definitiva, revitalízase a contorna, neste caso no magnífico casco histórico que ten Betanzos”. Engadiu que a Xunta está a traballar “co grande obxectivo, que é facilitar ás persoas o acceso a unha vivenda digna, de calidade, e a un prezo accesible”.
En concreto, a través do citado plan, a Xunta adquire inmobles emprazados nos conxuntos históricos para rehabilitar -se poden ser recuperados-, ou construír outros novos nos solares baleiros, para logo destinalos en alugueiro social.
No caso de Betanzos, son xa 17 os inmobles rehabilitados ou en proceso de rehabilitar, cun investimento de máis de 5,5M€, que porán a disposición da cidadanía de 22 vivendas e 3 locais comerciais.
Deles, 10 inmobles permitiron 15 vivendas, das que 13 están entregadas, mentres que outros 5 inmobles están en obras (para 5 vivendas) e 2 pendentes da licitación das obras.
No conxunto de Galicia, co Rexurbe a Xunta ten adquirido 93 inmobles nos que se prevé obter arredor de 165 vivendas e 13 locais comerciais, cun investimento de máis de 17M€. Ademais de Betanzos, os outros centros históricos onde se está a actuar son os de Mondoñedo, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilalba. As vivendas habilitadas cualifícanse como vivendas de promoción pública e pasan a formar parte do parque de vivenda en alugueiro, adxudicándose a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
Investimentos en Betanzos
M. Allegue quixo destacar “a aposta clara” da Xunta por investir en materia de vivenda, especialmente no caso de rehabilitacións no centro histórico, en Betanzos. Ademais do programa Rexurbe, este concello conta tamén cunha Área Rexurbe, e unha Área de Rehabilitación Integral (ARI), ao abeiro da cal, ten en execución convenios por importe de 522.381€.
Así mesmo, a través do programa Barrios, están asignados 700.000€ para o conxunto histórico de Betanzos e a súa zona de protección. No marco do mesmo, está prevista a rehabilitación dun total de 40 vivendas.
E por outra banda, dúas parroquias do concello de Betanzos (Requián e Tiobre) están incluídas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago (ARI) xa que polas mesmas transcorre o Camiño Inglés. Hai que lembrar que neste momento está aberto o prazo (ata o 23 de outubro) para solicitar o financiamento daquelas actuacións de rehabilitación que xa teñan a cualificación definitiva do IGVS. Destinamos a esta liña máis de 865.000€.