A Xunta entrega as chaves dunha vivenda rehabilitada no casco vello en Vilalba, ao abeiro do programa Rexurbe

Trátase dun inmoble situado na rúa Concepción Arenal, no centro histórico da vila, que foi recuperado e cuxas obras supuxeron un investimento autonómico de 300.000€

A Xunta tamén entregará en breve outra vivenda en Vilalba, froito da recuperación doutro inmoble na rúa Ferrería

Subliñou que o programa Rexurbe permite renovar edificios e proporcionar fogares á cidadanía, pero tamén dinamizar os casco vellos, contribuíndo ao comercio ou ao turismo

Adiantou que no 2026 o Goberno galego incrementará ata 4,8M€ a dotación das axudas para compra de vivenda protexida en ou en centros históricos por parte da mocidade

Vilalba (Lugo), 12 de novembro 2025

A Xunta entrega as chaves dunha vivenda rehabilitada no casco vello en Vilalba, ao abeiro do programa Rexurbe.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe na entrega deste fogar, en réxime de alugueiro, a unha familia inscrita previamente no Réxime de Demandantes.

Trátase dunha casa situada na rúa Concepción Arenal, en pleno centro histórico desta vila lucense, na área de influencia do Castelo de Andrade, que é “unha das xoias arquitectónicas de Vilalba”.

A intervención realizada neste edificio supuxo un investimento autonómico de 300.000€ e dada a súa ubicación, conta co respaldo dos informes de Patrimonio para respectar os restos e o entorno da zona.

A Xunta tamén entregará en breve outra vivenda en Vilalba, froito da recuperación doutro inmoble na rúa Ferrería.

Allegue subliñou que en casos como este, o programa Rexurbe non só permite renovar edificios e proporcionar fogares á cidadanía, senón que tamén posibilita dinamizar o casco vello desta vila, contribuíndo ao comercio ou ao turismo.

Puxo en valor o traballo da Xunta para facilitar o acceso á vivenda, con máis presuposto para o vindeiro ano e máis medidas activadas. En total, destinaranse 350M€ a políticas de vivenda, dos que 163M€ se dirixen á construción de novos fogares.

Adiantou que no 2026 o Goberno galego incrementará a dotación ata os 4,8M€ nas liñas de axudas para compra por parte da mocidade, en centros históricos e para o acceso a vivendas protexidas.