A Xunta e o sector da construción únense no impulso das técnicas industrializadas

As xornadas congregaron onte e hoxe case 400 persoas e contaron con coloquios nos que se afondou en novos modelos construtivos como as técnicas industrializadas

A conselleira Lorenzana salientou que a Xunta traballa no Plan director da industria da construción, con medidas para que este sector gañe dimensión en Galicia

A Xunta firmou un convenio co Clúster da Construcción para o fomento da industrialización, ao abeiro do que se elaborou un mapa de capacidades produtivas sobre unha base de 251 empresas con potencial no uso das citadas técnicas

Allegue subliñou o fomento das técnicas industrializadas na Formación Profesional e na Universidade e avanzou a implantación de microcredenciais nesta materia

Remarcou que a industrialización permite reducir tempos, evitar atrasos, diversificar o emprego de materiais como a madeira galega e paliar a falta de man de obra

Destacou que a Xunta prima o uso destas técnicas nos pregos de contratación para construír vivenda pública, como na licitación hoxe de 264 VPP en Xuxán, na Coruña

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou a unión da Xunta e o sector da construción no impulso das técnicas industrializadas. Así o subliñou na clausura de Galibuild Meeting, un foro impulsado pola Xunta e que congregou onte e hoxe a case 400 persoas para afondar na transformación desta actividade.

O foro constou de diversos coloquios nos que se abordaron os novos modelos construtivos por parte de xestores públicos, arquitectos, enxeñeiros e empresas punteiras nestas actividade.

Allegue subliñou que a Xunta vén traballando da man do colectivo, declarándoo estratéxico hai algo máis dun ano. Ademais, lembrou que a Xunta firmou un convenio co Clúster da Construcción para o impulso das técnicas industrializadas.

Explicou que no Observatorio da Vivenda de Galicia se creou unha comisión técnica específica para incorporar a industrialización e dese traballo xurdiu o Plan director da  construcción industrializada, que conta con tres ferramentas.

Precisou que a primeira ferramenta do plan é o mapa de capacidades produtivas. Detallou que este mapa xa está elaborado sobre a base de 251 empresas (construtoras, madeira, metal, modulares, loxística) e amosa o potencial  das compañías galegas na construción industrializada. Engadiu que o segundo instrumento é unha guía de construcción industrializada; e o terceiro, un plan de fomenta da industrialización.

Puxo ademais o foco na formación, pois a Xunta promove as técnicas industrializadas tanto na Formación Profesional coma na Universidade, a través da Escola de Arquitectura da UDC ou da Escola de Enxeñaría Industrial da Uvigo. Avanzou a próxima implantación  de microcredenciais que acrediten competencias nesta materia.

Fixo fincapé na industrialización da construción para reducir tempos, evitar atrasos, diversificar o uso de materiais como a madeira galega e paliar a falta de man de obra.

Neste sentido, subliñou que a Xunta xa prima as técnicas industrializadas nos pregos de contratación para a construción de vivenda pública, pois axudan a avanzar con maior celeridade. Puxo como exemplo a licitación hoxe do proxecto e obras para 264 VPP en Xuxán, na Coruña, pois nos pregos se inclúe o uso obrigatorio destas técnicas.

Puxo en valor o esforzo técnico e financeiro que está a realizar o Goberno galego para facilitar o acceso da cidadanía a un fogar. A este respecto, indicou que este ano a Xunta licitará 2.688 vivendas públicas por case 500M€.

Remarcou que a Xunta tamén está a desenvolver solo residencial no que poder edificar vivenda, maioritariamente protexida. Así, para acadar este obxectivo destacou a figura dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que tamén contribúen a “facer cidades”.

A construción industrializada, unha oportunidade

Por outra banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na súa intervención a primeira hora da mañá, apuntou que a construción industrializada abre un novo escenario porque introduce tecnoloxía, planificación e novos procesos produtivos, desde o deseño ata a execución da obra. “Galicia ten capacidade para exportar sistemas construtivos e solucións industriais completas”, dixo, para destacar que este sector representa arredor do 6 por cento do PIB autonómico e emprega máis de 80.000 persoas de forma directa.

Segundo dixo, a comunidade conta con activos estratéxicos moi claros: é referente un nacional na transformación de madeira estrutural; dispón dunha potente industria de prefabricación en formigón e tamén conta cunha industria metálica e do aluminio con forte orientación exportadora. Ademais, existen empresas capaces de integrar deseño, enxeñaría e produción, indicou, e centros tecnolóxicos como Aimen, Pemade ou CIS-Madeira, que conectan empresa e coñecemento.

Neste contexto, salientou que a Xunta está a traballar conxuntamente co sector no Plan director da industria da construción, “que permitirá gañar dimensión, presentar proxectos tractores, a acceder a financiamento europeo, estandarizar procesos e impulsar a internacionalización das empresas”.