A Xunta e o concello de Lousame selan o acordo para a mellora funcional do espazo público viario do núcleo de Camboño e zona de esparexemento cotiá dos veciños

Esta actuación suporán un investimento de preto de 385.000 € e enmárcase no Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade, como motores de dinamización

Renovarase o pavimento no interior do rural de Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo, na parroquia de San Xoán de Camboño, mellorando os acabados, renovando a canalización da augas pluviais e Instalando tubaxe para o futuro servizo de auga potable

O convenio establece o compromiso da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas de contratar e executar as obras nun 70% do orzamento, preto de 215.000€, mentres o Concello achegará o 30%

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, veñen de selar hoxe o convenio de colaboración para executar as obras para a mellora do espazo público viario do núcleo de Camboño. Na sinatura deste acordo, en San Caetano, estivo tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

A actuación, que suporá un investimento de preto de 385.000 euros enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.

Segundo recolle o acordo asinado, a través desta colaboración executaranse as obras de pavimentación deste núcleo de poboación, que inclúen actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio.

Na actualidade o interior do núcleo rural de Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo, pertencente á parroquia de San Xoán de Camboño neste municipio coruñés, presenta un pavimento de formigón moi deteriorado debido ó paso do tempo e á realización de diferentes reposicións.

Para iso, baixo este convenio executaranse as obras necesarios neste espazo público viario do núcleo rural, nas que se inclúen a substitución do seu pavimento coa mellora dos acabados e do seu aspecto, e a renovación da canalización para a recollida da augas pluviais,  a Instalación de tubaxe para o futuro servizo de auga potable.

As obras, incluirá ademais a Instalación de iluminación publica e o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións existentes na actualidade no ámbito de actuación.

A Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, preto de 270.000 euros, e contratará e executará as obras.

O convenio asinado hoxe, establece que lle corresponde ao Concello achegar o 30% restante do custe das obras algo máis de 115.000 euros; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

María M. Allegue destacou a continuidade no compromiso de colaboración co Concello no marco do Plan Hurbe da Xunta, onde xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal de Lousame as obras de humanización do acceso á Casa da Cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Croído.