Xunta e Clúster da Construción reforzan a súa colaboración para impulsar as técnicas industrializadas na execución de vivendas e infraestruturas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destaca que Galicia está diante ”dunha oportunidade histórica para escalar nesta industrialización do sector da edificación, superar obstáculos coma a escaseza de man de obra e consolidar un novo modelo construtivo”

O arquitecto austríaco Hermann Kaufmann destacou a construción industrializada como clave de futuro, diante da necesidade de modernizar as técnicas construtivas “e acadar unha arquitectura sostible, porque este e un sector que non está a ser atractivo para a mocidade”

O presidente do Clúster da Construción de Galicia, Diego Vázquez Reino, incidiu na necesaria transformación do sector cara á industrialización, na que resulta “fundamental a colaboración público-privada”

A xornada finalizou cunha mesa redonda que afondou nas necesarias sinerxías público-privadas para impulsar as técnicas industrializadas a fin de propiciar un “cambio tranquilo, pero decidido no sector”

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

Xunta e Clúster da Construción reforzan a súa colaboración para impulsar as técnicas industrializadas na execución de vivendas e infraestruturas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou na xornada promovida hoxe por ambas entidades en Santiago a necesidade de avanzar neste pulo das técnicas industrializadas en colaboración co sector “que nos permitirán acelerar o ritmo de construción”, diante da necesidade de garantir o acceso á vivenda.

Allegue inaugurou este foro, no que participaron preto de 200 asistentes e que contou coa intervención do arquitecto austríaco Hermann Kaufmann. Ao acto asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, así como a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. Participou así mesmo o director xeral da Axencia Galega de Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos.

Na súa intervención, a conselleira incidiu na “imprescindible” cooperación entre administración e o sector no reto de avanzar no pulo das técnicas industrializadas nun momento “crucial” no que “fronte unha forte demanda, temos unha escasa oferta, o que trae consigo que suban os prezos de venda e de alugueiro”.

“Necesitamos incrementar a oferta e axilizar a construción, sen renunciar á calidade da obra -sinalou-. E este compromiso que asumimos sempre está ligado á sostibilidade. En Galicia temos músculo suficiente para acadar este reto e pensamos en clave de futuro. Respectando ao máximo as construcións tradicionais, a nosa aposta é a industrialización do sector”.

“Estamos ante unha oportunidade histórica para escalar nesta industrialización do sector da edificación, superar obstáculos coma a escaseza de man de obra especializada, e consolidar un novo modelo construtivo máis eficiente, dixitalizado e sostible -afirmou-. Galicia non vai quedar regazada na carreira por industrializar os seus sistemas de construción. A Xunta quere acompañar ao sector galego da construción nestes pasos cara á innovación”.

Allegue destacou que o plan de acción que a Xunta está a desenvolver co Clúster da Construción para o impulso da construción industrializada é un “magnífico exemplo desta colaboración”. Lembrou que a Xunta xa foi quen de tramitar nun ano 1.200 novas vivendas públicas, 900 delas en construción, diante do reto de duplicar o parque público residencial ata as 8.000. E subliñou que nos primeiros catro meses deste 2025 a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas incrementou nun 140% as licitacións respecto ao mesmo período do ano anterior.

Lembrou tamén que o Observatorio da Vivenda de Galicia creou unha comisión técnica específica para incorporar paulatinamente sistemas de construción industrializada, e dese traballo xurde o Plan director da construción industrializada que elaborará a Fundación Galicia Constrúe e o Clúster da Construción. Este plan terá 3 ferramentas: un mapa de capacidades produtivas, que xa se está a elaborar e se prevé difundir antes de finais deste ano; unha guía de Construción industrializada e un plan de fomento da industrialización, que se complementarán con formación.

A conselleira tamén incidiu en que a Xunta esixe ao Goberno central que informe dos contidos do Perte da construción industrializada. Mentres tanto, a Xunta xa adxudicou en Navia, en Vigo, primando estas técnicas, a construción de catro promocións, con 108 vivendas. E noutros proxectos estase a propoñer o CLT como elemento estrutural e como folla principal de fachada.

Clúster da Construción

Pola súa banda, o presidente do Clúster da Construción de Galicia, Diego Vázquez Reino, destacou na súa charla sobre a Visión do sector na adopción da industrialización que o sector “está inmerso nun cambio no modelo construtivo” e ten que ser “eficiente, sostible, e preparado para enfrontar retos”. Nese senso, citou a industrialización como unha das solucións máis viables e incidiu en que para materializar a necesaria transformación “é fundamental a colaboración público-privada, cunha implicación que vai desde as micropemes e as institucións financeiras ata a administración”. Agradeceu así mesmo o apoio do Goberno galego á construción, ao declarar como estratéxico este sector.

Relatorio Hermann Kaufmann

O relatorio maxistral correu a cargo do recoñecido arquitecto Hermann Kaufmann (Bregenzerwal, Austria, 1955), que destacou a construción industrializada como clave de futuro, diante da necesidade de modernizar as técnicas construtivas “e acadar unha arquitectura sostible, porque este e un sector que non está a ser atractivo para a mocidade, de aí os problemas que esta a ter para conseguir man de obra, non só aquí en España senón de xeito global”.

Comparou a construción convencional coa industrializada, sinalando que a primeira dedica menos tempo á fase de planificación da obra e inviste máis esforzos no proceso construtivo “onde se poden dar os cambios cos incrementos de custos ou posibles atrasos” mentres que no segundo modelo a etapa de planificación é máis longa, o que resta riscos e tempos na propia fase de construción. Citou o caso dun edificio construído en seis semanas con estas técnicas e fixo fincapé en que na etapa da planificación “é fundamental a figura dos profesionais da arquitectura, xa que o sistema debe ser disciplinado e moi preciso”.

Así mesmo, puxo en valor as técnicas industrializadas coa madeira como materia prima, tanto polas súas vantaxes a nivel ecolóxico como construtivas, “xa que se realiza unha parte moi importante do traballo en taller e se melloran as condicións laborais e de seguridade dos profesionais, ademais de que moitas veces se vían condicionadas pola climatoloxía”.

Sinerxías industrialización

A xornada finalizou coa mesa redonda sobre as Sinerxías para a industrialización en Galicia, na que participaron o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto; o director da Axencia Galega de Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos; o vicepresidente de Galicia Constrúe, Daniel Hermosilla Hermida; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano González Alfaya e o presidente do Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña, Juan Carlos Mato Méndez. A mesa foi moderada por Diego Freire, da directiva de Galicia Constrúe.

García Porto  destacou que a intención da Xunta “é unir o esforzo de todo o sector que participa no ámbito da construción” e  avougou por un “cambio tranquilo pero decidido no sector” e por incorporar estas técnicas industrializadas xa na fase de redacción dos proxectos. Pola súa banda, Alfredo Fernández incidiu no sector forestal “prioritario” da madeira en Galicia  e apuntou que “para avanzar temos que acelerar cuestións como a formación de profesionais para potenciar o emprego deste material na construción”. O futuro vai por combinar diferentes materiais

Daniel Hermosilla subliñou que xa se produciron “transformacións claves” para abordar o proceso da industrialización, incidindo en que “esta é unha transformación colectiva do sector que ten que ir acompasada e partir do tecido local, polo que é fundamental vinculala ao noso mercado, de aí que esteamos a elaborar un mapa de capacidades propio”. “Estamos -afirmou- máis adiante do que pensamos, xa que neste senso conseguir que a administración estea aberta para dar entrada a estes proceso é fundamental”.

Pola súa banda, Luciano González Alfaya defendeu o papel da arquitectura “que ten que estar presente e é esencial na industrialización e prefabricación, temos que ser conscientes de que se falla esta primeira pata, falla todo o demais”. Agradeceu a implicación da Administración autonómica tanto no eido da formación, como no impulso ás convocatorias de proxectos neste eido. E Juan Carlos Mato referiuse ao acurtamento dos prazos e por conseguinte, dos costes, que permite este proceso de técnicas industrializadas.