A Xunta de Galicia adxudica a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 17 vivendas de promoción pública en Culleredo
O contrato será adxudicado por importe de preto de 107.000 euros
O prazo para a redacción do proxecto básico é de tres meses, con dous máis para a redacción do proxecto de execución
As vivendas construiranse nunha parcela propiedade da Xunta de Galicia emprazada na rúa Alcalde Domingo Sierra
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A Xunta adxudica a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 17 vivendas de promoción pública en Culleredo, tal como acordou o consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia S.A., presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
O contrato será adxudicado ao estudo Muñiz Más Alfaya S.L.P. por un importe de 106.673,60 euros, IVE incluído. A partir da sinatura do contrato haberá un prazo de tres meses para a redacción do proxecto básico de dous meses máis para o de execución.
As vivendas construiranse nunha parcela propiedade da Xunta de Galicia, emprazada na rúa Alcalde Domingo Sierra.
Con esta adxudicación a Xunta avanza no compromiso de duplicar o parque público de vivenda antes do remate de 2028, acadando entón as 8.000 vivendas.