Escoitar
A Xunta de Galicia adxudica o contrato para a redacción do proxecto e execución das obras de construción de 36 vivendas de promoción pública en Teo
O contrato inclúe a redacción do proxecto, a dirección de obra e as obras de construción das vivendas, co emprego de técnica industrializadas
Adxudícase por preto de 8,2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizou hoxe a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto, dirección de obra e construción de arredor de 36 vivendas na Ramallosa, no concello de Teo. O número de vivendas é estimado e concretarase coa redacción do proxecto. Na construción, que se realizará nunha parcela cedida polo concello, empregaranse técnicas industrializadas
O contrato adxudícase a Constructora San José, por importe de 8.161.855 euros.
En Teo a Xunta ten en desenvolvemento outra promoción de 26 vivendas de promoción pública, noutra parcela cedida polo concello, neste caso na rúa Cernadela, nas Galanas. Esta obra ten proposta de adxudicación en favor da empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. por importe de 4.754.186,20 euros.
Con estas adxudicacións a Xunta avanza no cumprimento do compromiso de duplicar o parque público de vivenda antes do remate de 2028 acadando as 8.000 vivendas, que serán 10.000 en 2030.
No marco deste compromiso, as primeiras chaves xa foron entregadas aos seus adxudicatarios no pasado mes de xullo en Pontevedra. Entón foron 74 as vivendas entregadas, que foron seguidas doutras 24 no mes de setembro en Santiago.