A Xunta convoca o concurso de ideas para construír 5 inmobles con 140 novas vivendas de promoción pública en Galdrachán, no concello de Ames

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación do concurso, por máis de 1,4M€ e cun prazo de presentación de ofertas ata o 2 de febreiro

Nunha 1ª fase presentaranse propostas bases por parte dos arquitectos interesados; na 2ª, o xurado seleccionará as 6 mellores opcións e achegarán os anteproxectos para logo elixir os 3 finalistas que redactarán os proxectos das vivendas

O xurado consta da representación da Xunta de Galicia, o COAG e o Concello de Ames

No concurso valoraranse a calidade arquitectónica, a eficiencia enerxética, a integración, a funcionalidade e tamén a innovación

A Xunta sumará a estas 140 vivendas en Galdrachán outras 78 na rúa Agriños, tendo así en marcha 218 novas vivendas en Ames 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

A Xunta convoca o concurso de ideas para construír 5 inmobles con 140 novas vivendas de promoción pública en Galdrachán, no concello de Ames. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, xunto co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano Alfaya, detallou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste concurso de ideas, tras ser autorizado a semana pasada no Consello da Xunta. O investimento total para a redacción do proxecto e dirección das obras ascende a máis de 1,4M€. O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 2 de febreiro.

O concurso dividirase en dúas fases, sendo a primeira para presentar propostas bases por parte de calquera arquitecto interesado. Nunha segunda fase, o xurado seleccionará as 6 mellores propostas e poderán presentar os correspondentes anteproxectos. O xurado elixirá as tres propostas finalistas, que serán as encargadas de redactar os proxectos para a construción dos fogares.

O xurado que seleccionará as correspondentes propostas consta da representación da Xunta de Galicia, o COAG e o Concello de Ames.

A conselleira animou ao sector a que participe neste concurso de ideas e agradeceu a colaboración do Colexio de Arquitectos. Precisou que se valorarán factores como a calidade arquitectónica, a eficiencia enerxética, a integración na contorna ou a funcionalidade e destacou que este sistema de selección porá tamén o acento na innovación.

Impulso á vivenda en Ames

Esta iniciativa posibilitará seguir dando pulo á vivenda no municipio de Ames e no caso destas novas 140 vivendas en Ames, o ámbito no que se desenvolverán, con máis de 4.400 m2, préstase a explorar novos formatos e tipoloxías de edificacións, adaptadas sempre á demanda.

Este proxecto da Xunta súmase a outro xa iniciado para impulsar outras 78 vivendas na rúa Agriños. O Goberno galego está a avanzar no proceso para a adxudicación da redacción de proxecto. En conxunto, a Xunta ten en marcha 218 novas vivendas en Ames nos solos cedidos polo concello.

María M. Allegue fixo fincapé no esforzo que está a realizar o Goberno galego para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda. Sinalou que o vindeiro ano se comezarán a entregar as primeiras vivendas desta lexislatura, e ao mesmo tempo se continuará construíndo máis.