A Xunta convoca as axudas para rehabilitación de edificios de titularidade municipal con destino a vivenda pública, que incrementan contía nun 30%, ata os 65.000€

Allegue subliña que ademais do incremento da contía, outra novidade desta liña dirixida aos concellos de menos de 30.000 habitantes será que as vivendas resultantes, destinadas a alugueiro accesible, terán cualificación pública permanente

No caso dos inmobles situados nas Áreas Rexurbe, as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, as achegas poden acadar os 68.000€

A Xunta destina un orzamento bianual de 2,1M€ a esta nova convocatoria, que abre o prazo para solicitudes a partir do vindeiro día 23 de xaneiro

No que vai de lexislatura, a Xunta concedeu axudas para rehabilitar 66 vivendas por un importe de 3,12M€

Campo Lameiro (Pontevedra), 15 de xaneiro de 2025

A Xunta convoca as axudas para rehabilitación de edificios de titularidade municipal con destino a vivenda pública en alugueiro accesible. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe en Campo Lameiro das novidades desta liña de axudas destinada aos concellos de menos de 30.000 habitantes, á que a Xunta destina un orzamento bianual de 2,1M€ de fondos autonómicos.

Allegue desprazouse ao concello pontevedrés, beneficiario dunha destas achegas da Xunta, por 250.000€, coa que puido rehabilitar 5 vivendas, e subliñou que nesta nova convocatoria a contía das axudas increméntase nun 30%, de xeito que o importe máximo que se concederá para cada vivenda pasa dos 50.000€ aos 65.000€. O importe da axuda poderá acadar o 95% do custe da rehabilitación, sen superar a contía máxima.

Ademais, no caso de que vivenda se atope en área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo acada os 68.000€.

A conselleira destacou que, ademais, tamén como novidade as vivendas resultantes, que se destinarán a alugueiro accesible, terán cualificación pública permanente. Allegue indicou que as achegas enmárcase no compromiso da Xunta para seguir poñendo a disposición vivenda a través, entre outras medidas, dos programas de rehabilitación, “que permiten non só darlle unha nova oportunidade a vellas vivendas, senón que ao mesmo tempo incrementamos a oferta de fogares na nosa Comunidade”.

Hai que sinalar que desde o inicio da actual lexislatura, a Xunta concedeu a través desta liña axudas para rehabilitar 66 vivendas por un importe de 3,12M€.

Prazos e actuacións subvencionables

Trala convocatoria das bases publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, os concellos poderán solicitar estas axudas a partir do día 23 deste mes de xaneiro (desde as 9 horas) ata o 3 de xullo ou ata esgotamento do crédito orzamentario.

De acordo ás bases da convocatoria, a través desta liña consideránse subvencionables a execución de obras de rehabilitación e/ou ampliación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, así como as dirixidas ao cambio de uso de edificacións para o seu destino a vivenda.

Nas actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas, así como as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.