Escoitar
A Xunta convoca as axudas para as áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, cun investimento de máis de 2,8 M€
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria, que establece para a ARI dos Camiños unha dotación de 2.030.000€, e na Ribeira Sacra, de 800.000€
Os propietarios e comunidades de veciños interesados poden presentar as súas solicitudes desde o 31 de agosto ata o próximo 30 de setembro
O importe máximo destas subvencións poderá acadar ata os 12.000€ por vivenda rehabilitada e ata 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de publicar hoxe a nova convocatoria de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para 2026, ás que se destinará un investimento de máis de 2,8M€.
En concreto, para a ARI dos Camiños de Santiago a dotación orzamentaria será de 2.030.000 euros, e no caso da Ribeira Sacra, ascenderá a 800.000 euros.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destes incentivos e as solicitudes poderán presentarse dende o vindeiro 31 de agosto ata o próximo 30 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260821/AnuncioC3Q2-050826-0004_gl.html
No ámbito das dúas ARI poderán solicitar as axudas as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades, as agrupacións de persoas propietarias e os propietarios ou usufrutuarios de edificios ou vivendas, que estean en posesión da calificación definitiva das obras realizadas.
A contía das axudas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo destas subvencións poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.
Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén vén de ampliar este mes en 2M€ o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de seguir atendendo a demanda da cidadanía. O prazo de solicitude está aberto ata o día 15 de outubro.
Ademais a Xunta lanzou esta semana a convocatoria das axudas para menores de 36 anos para a adquisición ou autopromoción de vivenda en concellos con poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes. O prazo de solicitudes abrirase o día 27 de agosto e permanecerá aberto ata o vindeiro día 16 de novembro.