A Xunta concedeu en 2025 axudas a 377 mozos e mozas en 132 concellos para adquirir unha vivenda, mobilizando un investimento de 2,9 M€
Allegue subliñou que estas subvencións, de ata 10.800€, están dirixidas a menores de 36 anos e teñen como obxectivo axudar á mocidade a poder mercar unha vivenda en localidades de menos de 10.000 habitantes, contribuíndo a asentar poboación
Avanzou que o Goberno galego convocará de novo este ano esta liña de axudas para seguir favorecendo o acceso dos máis novos á vivenda
Das 4.000 vivendas públicas comprometidas pola Xunta na lexislatura, reservaranse á mocidade ao menos o 40% nas que se constrúan para alugueiro e o 25% para venda
Allariz (Ourense), 31 de xaneiro de 2026
A Xunta concedeu en 2025 axudas a 377 mozos e mozas menores de 36 anos en 132 concellos para adquirir unha vivenda, mobilizando un investimento total de 2,9M€. Así o detallou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou en Allariz o fogar adquirido por un beneficiario destas achegas.
Allegue subliñou que o obxectivo destas subvencións, de ata 10.800€, é axudar á mocidade a emanciparse e poder mercar unha vivenda, neste caso, en localidades cunha poboación de menos de 10.000 habitantes. Ademais estas achegas tamén contribúen a asentar poboación nos concellos con beneficiarios.
Esta liña de axudas ten unha alta demanda, polo que o Goberno galego aumentou o seu orzamento en 600.000€ no pasado outubro con fondos propios co fin de poder chegar ao maior número posible de solicitantes. Lembrou que estas axudas son compatibles co aval da Xunta, que cubre o 20% para a adquisición da vivenda.
A conselleira avanzou que este ano a Xunta volverá convocar esta liña de axudas para seguir favorecendo o acceso da mocidade a un fogar.
Cómpre remarcar tamén o éxito das liñas de axudas para adquisición de vivenda protexida e en cascos históricos.
Puxo o acento no esforzo técnico e financeiro que está a realizar a Xunta para facilitar o acceso da cidadanía a un fogar, facendo especial fincapé en colectivos como a mocidade. Cabe lembrar que das 4.000 vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura, reservaranse para os xóvenes ao menos o 40% nas que se constrúan para alugueiro e ao menos o 25% para venda.