A Xunta concede en Ferrol a primeira axuda do novo programa Fogar Vivo para recuperar vivendas baleiras para alugueiro accesible
Ferrol, 5 de xullo 2025
A Xunta concede en Ferrol a primeira axuda a un propietario para recuperar a súa vivenda baleira para alugueiro accesible, no marco do novo programa Fogar Vivo.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, tivo esta mañá a oportunidade de saudar a Manuel Marcos González, veciño da cidade e beneficiario desta achega, dotada cun importe duns 3.200 euros.
Con este axuda, Marcos González realizará as reformas necesarias para despois de varios anos poder poñer en alugueiro a súa vivenda. En concreto, explicou á conselleira que utilizará esta achega, do 80% do investimento necesario, para lacar portas, pintar as paredes e renovar a lavadora e a neveira. Este fogar deberá ter unha renda accesible.
O programa
O novo programa Fogar Vivo, dotado cun orzamento de máis de 1M€ en 2025, e un total de 5,7M€ ata 2028, ten como finalidade mobilizar o meirande número de vivendas baleiras para o mercado residencial sempre cun prezo de alugueiro mensual taxado.
Os propietarios que se acollan a esta iniciativa poden contar con contías máximas de ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación e mellora da vivenda, incluíndo como novidade os gastos para renovar electrodomésticos como a lavadora, o lavavaixelas, o forno, a neveira, a campá extratora, a cociña e os sanitarios.
Poderán ser obxecto destas axudas as obras que se realizasen dende o 1 de xaneiro de 2025, sen que o prazo da súa execución poida, en ningún caso, exceder do 30 de maio de 2026.
Ademais se a vivenda se aluga a menores de 36 anos, persoas con fillos menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes haberá unha axuda adicional de 2.000 euros, sempre que se obtivera a axuda de rehabilitación e mellora da vivenda.
Por último, os propietarios poderán solicitar, independentemente de que fagan reformas, 3.000 € para un seguro de impago e/ou multirrisco.