A Xunta concede dúas axudas por un total de 1,1 M€ para a construción na Coruña de 30 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro

Unha das empresas adxudicatarias construirá 13 vivendas protexidas na Ronda de Outeiro, cunha achega de máis de 450.000€ e outra promotora outras 17 na zona de Someso, na rúa Francisco Pérez Carballo, cunha axuda da Xunta de 680.000€

Estas achegas enmárcanse na liña promovida este ano pola Xunta para incentivar aos promotores e cooperativas a construír inmobles para alugueiro accesible, dotada dunha partida global de 14,7M€

A conselleira destacou que na Coruña están construídas ou en marcha en Xuxán 144 vivendas de promoción pública e, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, prevese desenvolver solo en Monte Mero para unha estimación de 4.310 vivendas

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024

A Xunta concedeu dúas axudas que suman un total de 1,1M€ a sendas promotoras para a construción na cidade da Coruña dun total de 30 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe as parcelas nas que se van construír estas vivendas, localizadas concretamente na rúa Francisco Pérez Carballo, situada na zona de Someso, e na Ronda de Outeiro.

No primeiro caso, a empresa adxudicataria recibe unha axuda de 680.000€ para a construción de 17 vivendas de protección autonómica destinadas ao alugueiro, situadas dentro dun edificio dun total de 97 vivendas protexidas. 

E na Ronda de Outeiro, outra promotora levantará un inmoble de 32 vivendas, das que 13 serán de protección autonómica para alugueiro. Contará cunha axuda de 453.952€.

Allegue subliñou que estes proxectos, situados en zonas estratéxicas da cidade, permitirán dotar a estas áreas de novos fogares funcionais, de calidade e coas características necesarias para acadar unha óptima eficiencia enerxética.

A conselleira puxo en valor que a posta en marcha destes inmobles é froito da “necesaria” colaboración público-privada para afrontar o reto de ofrecer á cidadanía unha vivenda digna, de calidade e a un prezo accesible. E lembrou neste senso que ambas axudas foron concedidas no marco da liña lanzada pola Xunta este ano para incentivar aos promotores e cooperativas a construír inmobles para alugueiro accesible, que contou cunha partida global de 14,7M€.

Allegue lembrou que o Goberno galego está a traballar en varias liñas de acción nas súas políticas de vivenda. Dunha banda, coa construción de vivenda pública, para acadar o reto nesta lexislatura de duplicar o actual parque público residencial ata as 8.000 vivendas. Por outro lado, coa Estratexia Galega de Solo Residencial, que busca desenvolver solo para facilitar a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas. E tamén con modificacións lexislativas e fiscais para axilizar o proceso de construción de vivenda.

Respecto ao desenvolvemento de solo residencial, avanzou que a Xunta vén de licitar a pasada semana a redacción de proxecto dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) e tamén para expropiacións e parcelamento en sete concellos galegos. No da Coruña, o ámbito elixido é Monte Mero, con 43 hectáreas e a previsión de 4.310 vivendas, aínda que se seguirán estudando outros solos que desenvolveremos coa axilidade que  permiten os PIAs.

En relación á execución de vivenda pública, recordou que na actualidade, xa están en marcha na comunidade máis de 1.600 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución. E, no caso concreto da Coruña están construídas ou en marcha 144 vpp no barrio de Xuxán.

A conselleira destacou así mesmo que estas medidas teñen o seu forte respaldo nos Orzamentos da Xunta para 2025, cun presuposto histórico de 240M€ destinados ás políticas de vivenda e urbanismo. Desta cifra, a metade corresponde a construción de nova vivenda pública e adquisición de solo residencial.