A Xunta concede 129 axudas para a adquisición de vivenda protexida por importe de 1,5 M€ e esgota o crédito

Estas axudas, con financiamento integramente autonómico e cuxo prazo se abriu en abril, teñen como fin facilitar o acceso da cidadanía a un fogar

As achegas, no caso das vivendas situadas na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, poden acadar 20.000€, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos

No caso dos restantes municipios, a axuda é de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos

Allegue lembrou que na vindeira convocatoria do Aval Mozo se vai elevar os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais do 20% para mercar a primeira vivenda

Subliñou o compromiso coa mocidade, coa reserva do 30% das vivendas públicas para compra por persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos, e o 25% para menores de 36

Recordou que a Xunta solicitou ao Goberno central que o IVE da vivenda protexida, de igual xeito que o da pública, se rebaixe ao 4%, co fin de contribuír á compra dun fogar

A Coruña, 27 de xuño de 2026

A Xunta concedeu 129 axudas para a adquisición de vivenda protexida, mobilizando un orzamento de 1,5M€, e esgota o crédito. Así o salientou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que esta mañá mantivo un encontro con persoas beneficiarias destas achegas na Coruña, a cidade que acadou máis concesións, un total de 69.

Allegue puido coñecer as experiencias de varias persoas que recibiron estas axudas que foron convocadas polo Goberno galego no pasado mes de abril e cuxo financiamento procede integramente dos fondos autonómicos.

O obxectivo destas subvencións é contribuír á adquisición de vivendas cualificadas como protexidas de protección autonómica de réxime xeral, é dicir, facilitar o acceso da cidadanía a un fogar.

Estas axudas, no caso das vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, como A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, poden acadar ata 20.000€ por vivenda, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos.

No caso dos restantes municipios de Galicia, a axuda é de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos.

A conselleira lembrou que tamén está activo o Aval Mozo, cada vez con máis entidades bancarias asociadas co fin de cubrir o 20% do aval hipotecario para mercar unha vivenda.

Ademais recordou que se vai elevar ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse destes avais da Xunta para adquirir a primeira vivenda. Esta modificación, que se aplicará na vindeira convocatoria, eleva o límite establecido, ata o de agora en 36 anos.

Subliñou o compromiso da Xunta cos máis novos para facilitarlles o acceso a un fogar e puxo en valor a nova reserva do 30% das vivendas públicas destinados á compra para persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos, e o 25% para menores de 36.

IVE superreducido

Por outra parte, lembrou que a Xunta vén de solicitar ao Goberno central que o IVE da vivenda protexida, de igual xeito que o da pública, se rebaixe ao 4%, co fin de contribuír á compra dun fogar.

Cómpre sinalar que a Xunta tamén segue á espera de recibir os fondos do Plan Estatal de Vivenda, necesarios para a convocatoria doutras liñas de axudas no eido da vivenda.