A Xunta colaborará co concello de Manzaneda na mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na que se investirán máis de 180.000 €
As actuacións consistirán na mellora do pavimento do camiño, das beirarrúas e da senda nunha estrada entre a parroquia de San Martiño e o núcleo de Manzaneda
Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de zonas verdes
Este viario ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é a principal comunicación entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda a Pobra de Trives
A través do acordo asinado hoxe, a Xunta asume o 70% do orzamento, 126.000€, contratará e executará as obras; mentres que e o Concello aporta o 30% restante do investimento, arredor de 54.000€
As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais e cofinanciar diferentes tipos de intervencións urbanísticas
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
A Xunta colaborará co Concello de Manzaneda para executar as obras de mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño, que suporá un investimento de máis de 180.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde do municipio ourensá, Amable Fernández Basalo, o convenio para a posta en marcha destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe do Goberno galego.
A actuación permitirá o acondicionamento do camiño municipal que une os núcleos rurais de Manzaneda e Soutelo, que actualmente conta con deficiencias na súa capa de rodaxe, drenaxe e sinalización viaria horizontal.
Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de pequenas zonas verdes.
Este camiño coñecido como subida a Soutelo ten unha lonxitude de 560 metros e é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é o principal viario que os comunica entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda a Pobra de Trives. Esta vía tamén é empregada polos turistas que visitan estas paraxes de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.
A través do convenio asinado hoxe en San Caetano, a Xunta cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 126.000€, contratará e executará as obras, mentres o Concello de Manzaneda achegará o 30% restante do custe das actuacións, arredor de 54.000€. O prazo de execución das obras estímase en catro meses.
As intervencións realízanse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.