A Xunta colabora na dotación de 32 novas vivendas protexidas en alugueiro no barrio coruñés de Xuxán
Esta intervención está a executala a cooperativa A Luzada, tras a adxudicación da parcela por parte da Xunta baixo a modalidade de dereito de superficie, que permite acceder a solo público a cambio dun canon reducido
A actuación consta dun investimento de máis de 5M€, achegando a Xunta unha axuda de máis de 1,5M€, ao abeiro dos fondos europeos Next Generation
A Xunta adxudicou outras 4 parcelas en Xuxán, en dereito de superficie, para a construción doutras 224 vivendas, tamén protexidas e para alugueiro
Allegue subliñou que a Xunta tamén ten en marcha neste polígono de Xuxán 144 vivendas de promoción pública, nas que se mobiliza un orzamento de 58M€
A Coruña, 11 de decembro de 2024
A Xunta colabora na dotación 32 novas vivendas protexidas en alugueiro no barrio coruñés de Xuxán. A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda, Heriberto Garcia Porto, supervisou hoxe estas obras, que veñen de comezar.
Esta intervención está a executala a cooperativa A Luzada, tras a adxudicación da parcela por parte da Xunta baixo a modalidade de dereito de superficie, un sistema que permite acceder a solo público a cambio dun canon reducido.
O dereito de superficie realízase, neste caso, por 60 anos, e unha vez acadados as vivendas pasan a formar parte do parque público de vivenda da Xunta.
Esta actuación consta dun investimento de máis de 5M€, contando a cooperativa cunha axuda do programa de construción de vivendas en alugueiro de máis de 1,5M€ concedida pola Xunta e financiada con fondos europeos Next Generation.
Cómpre lembrar que a Xunta tamén adxudicou outras 4 parcelas á cooperativa Galivivienda nesta mesma modalidade, para a construción de 224 vivendas, tamén protexidas e para alugueiro.
144 vivendas públicas
Allegue subliñou que a Xunta tamén ten en marcha neste polígono de Xuxán 144 vivendas de promoción pública, nas que se mobiliza un orzamento de 58M€.
Avanzou que en xaneiro vai botar a andar a construción dun novo edificio de 50 vivendas e está en proceso de adxudicación outro inmoble de 14 vivendas.
A estes edificios súmanse o xa entregado a finais do 2023, de 40 vivendas, e o inmoble que se comezou a levantar en xullo e que contará con outras 40.
Puxo en valor a aposta da Xunta pola vivenda, tal como reflicten os Orzamentos para 2025, con 240M€ destinados a este ámbito.
Detallou que estas cifras permitirán progresar no reto de lexislatura: duplicar as vivendas públicas ata as 8.000, fin ao que tamén contribuirá a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia que a Xunta vén de crear. Ademais, desenvolverase solo para facilitar a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas.