A Xunta colabora co Concello do Valadouro na humanización da praza de Santa María en Ferreira, que suporá un investimento de 220.000€
A través desta actuación, mellorarase parte desta praza, con intervencións para facilitar a circulación peonil, ademais da disposición de beirarrúas, instalación de mobiliario urbano e a limpeza do cruceiro, entre outras
De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta asumirá o 70% do custe das obras, as contratará e executará, mentres que o Concello do Valadouro achegará o 30% restante
Santiago de Compostela, 20 de novembro 2025
A Xunta colabora co Concello do Valadouro na humanización da praza de Santa María, en Ferreira, que suporá un investimento de ao redor de 220.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde deste concello lucense, José Manuel Lamela, o convenio para abordar esta actuación, que se enmarca no Plan Hurbe da Xunta.
A través desta intervención, mellorarase parte desta praza, de xeito concreto a cara este, nunha superficie de 1.141 metros cadrados. Prevense actuacións no pavimento para diferenciar a zona de tráfico e a de uso peonil e a eliminación de desniveis para facilitar a circulación peonil, ademais da disposición de beirarrúas.
Os traballos completaranse coas liñas de alumeado público, a disposición de bancos, papeleiras e xardineiras circulares, que se poden mover en caso de ocuparse a praza con algún mercado ou actuación, e tamén coa substitución da varanda existente e a limpeza do cruceiro As obras terán un prazo de execución de 8 meses.
De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta achegará o 70% do orzamento desta in-tervención, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello do Valadouro asumirá o 30% restante. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro do 2026.
A través do Plan Hurbe, a Xunta colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.