A Xunta chama á responsabilidade e exixe ao Ministerio o borrador do futuro Plan Estatal de Vivenda

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta critica que o Ministerio exixa ás CCAA o cofinanciamento do 40% sen coñecer para que, polo que pide ao Goberno que expoña as medidas que pretende incluír no Plan estatal

Heriberto García Porto subliña que a Comisión Multilateral de Vivenda, na que participou hoxe en Madrid, non chegou a ningún acordo estatal e que volven de Madrid "coas mans baleiras"

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou esta mañá en Madrid na Comisión Multilateral de Vivenda convocada polo Ministerio con asistencia do secretario de Estado,  David Lucas. Segundo G. Porto, “Galicia e todas as comunidades volvemos desta xuntanza coas mans baleiras” posto que non se avanzou nada respecto ao novo plan Estatal de Vivenda xa que o actual, que comprende o período 2022-2025,  está a piques de rematar.

A Comisión Multilateral é o paso previo á Conferencia Sectorial, na que se adiantan os temas que se desenvolverán xa coa presenza dos conselleiros de todas as comunidades. Sen embargo,  o secretario de Estado non explicou  ningún detalle do futuro plan. G. Porto explicou que Galicia e outras comunidades solicitaran ao Ministerio toda información previamente para poder analizala e debatela. Non obstante, esta información non foi remitida,  polo que hoxe non houbo posibilidade de manter ningún debate sobre o contido do plan.

Pola contra, o secretario de Estado expuxo que as CCAA deberían aceptar previamente  unha serie de condicións, entre elas o cofinanciamento do 40%, que Galicia si podería asumir pero é necesario saber para que,  a concreción das medidas que pretenden financiar co novo plan, é dicir, “non cofinanciar a cegas”.

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta calificou este feito coma  “un atranco máis”  para posta en marcha do novo plan, “e queda comprometido que poida estar vixente no ano 2026”.

O Goberno galego enviou o pasado mes de decembro de 2024 as propostas de Galicia para incluir no plan, despois do cal, o ministerio se comprometera a enviar un borrador a finais de xaneiro, “e seguimos sen plan”.

A Xunta aclara que no encontro de hoxe as CCAA en ningún momento aceptaron ningún acordo estatal, tal e como semella que entendeu a ministra. Por este motivo, cómpre máis seriedade e responsabilidade nas súas declaracións,  ao tempo que debe escoitar ás CCAA en lugar de silencialas asumindo acordos que non existen.

Cabe reiterar que as comunidades necesitan o borrador do Plan estatal de Vivenda para poder debatelo e, posteriormente,  elevalo á Conferencia sectorial.