A Xunta celebrará mañá o sorteo para a adxudicación de 1 vivenda en alugueiro accesible en Vilalba

O sorteo público celebrarase entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia para o concello de Vilalba como concello preferente

O inmoble foi rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe da Xunta, cunha inversión superior aos 136.000 euros

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), iniciou  o procedemento para a adxudicación de 1 vivenda de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible en Vilalba, Lugo.  

A Comisión Provincial de Vivenda iniciou o procedemento para o proceso de selección de persoas adxudicatarias o pasado 30 de xuño. A vivenda será adxudicada mediante sorteo público que se celebrará mañá 22 de xullo entre os demandantes que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para o concello de Vilalba como concello preferente. A adxudicación farase en réxime de alugueiro e os contratos terán unha duración inicial de sete anos.

 O inmoble, rehabilitado ao abeiro do Programa Rexurbe cunha inversión de 136.104 euros, está situado na rúa Concepción Arenal, 14, baixo e andar 1º, de 63,80 m² e dous dormitorios.

Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.