A Xunta asina un novo acordo de colaboración para o financiamento da promoción de vivenda pública
O convenio, que terá unha vixencia de 4 anos, favorecerá tanto a concesión de préstamos para a promoción de fogares públicos, como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias
Este novo acordo sumase ao xa tamén selado coa entidade bancaria Abanca, e responde ao cumprimento do obxectivo da Xunta para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial con 4.000 novas vivendas
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou esta tarde un novo acordo de colaboración para o financiamento da promoción de vivenda pública co director xeral da Caixa Rural Galega, Sociedade Cooperativa de Crédito Limitada Galega, Jesús Antonio Méndez Álvarez Cedrón.
M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, selou hoxe en San Caetano este convenio que ten como finalidade establecer as condicións do financiamento da promoción, construción, así como da compra, mediante subrogación, das vivendas protexidas de promoción pública. Este acordo terá unha vixencia de 4 anos.
Este convenio con Caixa Rural Galega, sumase ao materializado tamén o pasado día 10 deste mesmo mes de novembro coa entidade bancaria Abanca, tamén adherida.
O documento selado hoxe establece as liñas de colaboración tanto para préstamos para a construción ou promoción de fogares públicos a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) ou do Instituto Galego da Vivenda (IGVS), como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias, no caso de que os inmobles teñan por obxecto a venda, que contarán sempre con protección permanente.
Este novo acordo responde ao cumprimento do obxectivo da Xunta para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial con 4.000 novas vivendas. A Administración autonómica xa ten en marcha, en diferentes fases de execución, preto de 3.000 e vén de anunciar que no 2026 sumará 1.000 fogares públicos máis a ese cómputo.
Esta liña de colaboración en materia de financiamento foi aprobada no Consello da Xunta do 29 de setembro e o convenio marco publicouse no DOG o 15 de outubro, cando abriu o prazo de solicitudes para que as entidades financeiras puideran adherirse.