A Xunta asina co Concello de Bueu o convenio de cesión de solo no que construirá 21 vivendas públicas

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) promoverá estas 21 vivendas, que suporán un investimento aproximado de 4M€, en tres parcelas que o Concello cede nas Lagoas

Na mesma xornada en que Xunta e Concello asinan a cesión do solo, Vipugal licita a redacción do proxecto e dirección de obra destas vivendas por 225.000€, para a que as empresas poderán presentar ofertas ata o 23 de xaneiro

Allegue subliña a colaboración co Concello na posta a disposición de solo onde construír vivenda pública

Bueu únese á lista de 14 municipios galegos que xa cederon parcelas á Xunta para construír novos fogares

Bueu (Pontevedra), 12 de decembro de 2025

A Xunta asina co Concello de Bueu o convenio de cesión de solo onde se construirán 21 novas vivendas de promoción pública. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, firmou hoxe este acordo  e destacou que a Administración autonómica prevé un investimento de 4M€ nas obras destes novos fogares.

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) construirá estes novos 21 fogares públicos en tres parcelas das Lagoas. A conselleira destacou que nesta mesma xornada en que se asina a cesión do solo, Vipugal xa licitou a redacción do proxecto e dirección de obra para a promoción, por un importe de 225.000€. As empresas teñen de prazo ata o 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Allegue agradeceu ao Concello a colaboración para a posta a disposición de solo onde construír vivenda pública e sinalou que a previsión é que estes novos fogares poidan ser realidade nesta lexislatura. Bueu únese á lista de 14 municipios galegos que xa cederon parcelas e neste senso, a conselleira destacou que a cooperación coas administracións locais “está a ser excepcional” diante do reto de acadar máis vivenda.

A Xunta avanza no compromiso de alcanzar as 4.000 novas vivendas públicas no 2028 e ten xa en marcha ao redor de 3.000. Allegue lembrou que ademais de construír vivenda pública, a Xunta incentiva a vivenda protexida por parte de promotores e cooperativas.

Apuntou que do total das 4.000 novas vivendas públicas, ao menos o 40% dos fogares que se poñan en alugueiro e ao menos do 25% dos que se poñan á venda estarán destinados a menores de 36 anos, para facilitar o acceso da mocidade á vivenda.