A Xunta aproba a oitava actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia

O Plan Básico Autonómico de Galicia, ou PBA, constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da Comunidade Autónoma

A súa natureza de documento dinámico, que esixe a súa revisión periódica, a Xunta vén de aprobar unha nova actualización

Esta ferramenta supuxo o punto de partida para os Plans básicos municipais que promove a Xunta en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral

Santiago de Compostela, 19 xuño de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de  Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Dirección Xeral de Urbanismo, da aprobación da oitava actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia.

O Plan básico autonómico de Galicia, que foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, é un instrumento de planeamento urbanístico que complementa o marco lexislativo co que o goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio.

Esta ferramenta debe actualizarse cunha periodicidade mínima anual, se ben se está actualizando cunha periodicidade semestral, pois constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da Comunidade Autónoma.

Este documento pretende plasmar a complexa realidade da normativa sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio, así como identificar os asentamentos de poboación existentes.

A través desta actualización revísase información relativa ao modelo de asentamento, aos instrumentos de ordenación do territorio, a enerxía, a transportes, a telecomunicacións, a portos, a concentracións parcelarias, a depuración das augas, a patrimonio cultural, a costas, a minaría, a servidumes acústicas e a lumes.

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para a formulación dos Plans básicos municipais que está a promover a Xunta en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e tamén serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal (PXOM), co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.