A Xunta aproba o Plan Básico Municipal de San Xoán de Río, que dota ao concello dun instrumento eficaz que garante o desenvolvemento ordenado no concello

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde, José Miguel Pérez, da aprobación definitiva deste instrumento que permitirá ao  municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica acorde ao seu desenvolvemento

O PBM de San Xoán de Río, municipio que conta cunha poboación de 510 habitantes, clasifica un total de 49 núcleos rurais, repartidos en nove parroquias, e identifica e cataloga 44 elementos do patrimonio cultural

Trátase do 24 concello de Galicia que contará con esta ferramenta que a Xunta promove para acadar unha ordenación urbanística sostible en municipios de menos de 5.000 habitantes

San Xoán de Río (Ourense), 6 de maio de 2024

A Xunta aprobou o Plan Básico Municipal (PBM) de San Xoán de Río, que dota ao concello ourensán dun instrumento eficaz de ordenación do territorio, garantindo o desenvolvemento ordenado e sostible do municipio.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, xunto coa directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Pilar Fernández León, informou hoxe  ao alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, da aprobación definitiva deste instrumento urbanístico básico, que permitirá ao municipio ourensán ofrecer capacidade de acollida residencial e económica acorde ao seu desenvolvemento.

O Plan Básico Municipal de San Xoán de Río, municipio que conta cunha poboación de 510 habitantes, clasifica un total de 49 núcleos rurais, repartidos en nove parroquias, e identifica e cataloga 44 elementos do patrimonio cultural.

A Xunta está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de San Xoán de Río, que non contan con planeamentos xerais.

O obxectivo é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

O Plan de San Xoán de Río é o sétimo, dos 24 PBM tramitados pola Xunta, en acadar a súa aprobación definitiva.