A Xunta aproba a novena actualización do Plan básico autonómico de Galicia, que garante unha ordenación responsable e sostible do territorio
O Plan Básico Autonómico de Galicia, ou PBA, constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da comunidade autónoma
Dada a súa natureza de documento dinámico, que esixe a súa actualización periódica, a Xunta ven de aprobar a actualización cartográfica do PBA
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da dirección xeral de Urbanismo, aprobou a novena actualización do Plan básico autonómico de Galicia (PBA),
O Plan básico autonómico de Galicia (PBA), que foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, é un instrumento de planeamento urbanístico que complementa o marco lexislativo co que o Goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio.
O PBA, que debe actualizarse cunha periodicidade mínima anual, se ben se está actualizando cunha periodicidade semestral, constitúe unha peza viva e radiográfica das novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da Comunidade Autónoma. Este documento pretende plasmar a complexa realidade da normativa sectorial e dos instrumentos de ordenación do territorio, así como identificar os asentamentos de poboación existentes.
Con este propósito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana novena actualización cartográfica do Plan Básico Autonómico (PBA) que resulta da nova información sectorial recompilada e facilitada polos organismos sectoriais competentes.
Así, revísase información relativa ao modelo de asentamento, aos instrumentos de ordenación do territorio, as augas, a enerxía, os transportes, os portos, o patrimonio cultural, as costas, a minaría, as servidumes acústicas e os crematorios.
Asemade, na infraestrutura do visor do PBA, impleméntase a conexión coa información das delimitacións das concentracións parcelarias, propia do organismo autonómico Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, co obxecto de amosar en todo momento a súa información xeográfica actualizada.
Por outra banda, nas capas que publican datos externos vinculados (DEV) habilítase a icona "URL" que permite acceder ás web e bases de datos propias dos organismos sectoriais para completar a información.
Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para a formulación dos Plans básicos municipais que está a promover a Xunta en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e tamén serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal, co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.
A documentación íntegra da novena actualización do PBA pode consultarse nas seguintes ligazóns: https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador e https://mapas.xunta.gal/visores/pba/