A Xunta aproba a delimitación do ámbito na cidade de Pontevedra para desenvolver solo residencial para construír 2.040 vivendas en San Mauro
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de asinar a resolución que implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo
Este proxecto enmárcanse na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta para desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres
Están en redacción os PIA para desenvolver 7 ámbitos en Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Arteixo, Santiago de Compostela e A Coruña e licitados os de Vilagarcía e Ramón Nieto en Vigo
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025
A Xunta vén de aprobar a delimitación do ámbito de San Mauro para desenvolver solo residencial, onde se poderán construír 2.040 vivendas na cidade de Pontevedra.
A resolución asinada pola Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, recolle a aprobación da delimitación do ámbito de actuación identificado no planeamento xeral como Sector B-5 “Sector Este – Carretera de San Mauro”, ampliado cuns terreos ao noroeste do sector, que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Pontevedra.
Estes proxectos enmárcanse na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta, co obxectivo de desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
Cómpre lembrar que están en redacción os Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver sete ámbitos en Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Arteixo, A Coruña e Santiago de Compostela, e licitados os de Vilagarcía e Ramón Nieto en Vigo. A través desta primeira fase xa en marcha, prevese urbanizar solo no que construír as primeiras 15.000 vivendas.