A Xunta aproba definitivamente o Plan Básico Municipal de Porqueira, que proporciona un instrumento eficaz que garante o desenvolvemento ordenado e sostible ao concello

Allegue subliña o recoñecemento ao PBM do municipio ourensán, premiado o pasado ano polo COAG na categoría de Planificación Urbana, que recoñece os proxectos máis destacados en ordenación territorial, e que agora opta aos Premios Arquitectura 2026

O PBM de Porqueira delimita no concello 31 núcleos (tradicionais, comúns e mixtos) e 6 parroquias e conta con 164 elementos catalogados (161 bens catalogados e 3 deles Bens de Interese Cultural

Co de Porqueira son xa 6 os concellos galegos que contan con aprobación definitiva dun Plan Básico Municipal, estando xa a piques de aprobación definitiva o do Concello de San Xoán de Río, e 14 contan xa coa aprobación inicial

Porqueira (Ourense), 14 de abril de 2026

A Xunta aproba definitivamente o Plan Básico Municipal de Porqueira, que dota ao concello ourensán dun instrumento eficaz de ordenación do territorio, garantindo o desenvolvemento ordenado e sostible do municipio. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe coa alcaldesa Susana Vázquez esta aprobación definitiva do plan.

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais (PBM) en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais, co obxectivo de dotar a estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable.

Neste sentido a conselleira destacou que non hai crecemento ordenado sen unha planificación rigorosa. E con este plan, o concello de Porqueira acada un instrumento de planeamento do que carecía ata agora e que lle vai permitir ese desenvolvemento sostible e respectuoso co territorio.

Allegue subliñou, que o Plan Básico Municipal de Porqueira, ademais, recibiu o pasado ano o premio do COAG na categoría de  Planificación Urbana, un ámbito que recoñece os proxectos máis destacados en ordenación territorial e desenvolvemento sostible. E ademais este días coñeceuse que opta aos Premios Arquitectura 2026.

O PBM de Porqueira delimita no concello 31 núcleos (tradicionais, comúns e mixtos) e 6 parroquias e conta con 164 elementos catalogados (161 bens catalogados e 3 deles Bens de Interese Cultural.

Así mesmo, o plan proporciona seguridade xurídica á veciñanza, facilita a xestión urbanística e abre novas oportunidades para o crecemento económico e social de Porqueira.

Desde a Xunta puxéronse en valor os avances na implantación desta figura urbanística en Galicia. Con Porqueira, son xa seis os concellos que contan co seu Plan Básico aprobado definitivamente —Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo e Alfoz—, mentres que San Xoán de Río está a piques de acadar esta aprobación. 

Ademais, outros 14 municipios teñen o plan en fase de aprobación inicial (Triacastela, Cartelle, Padrenda, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz, Samos, San Cristovo de Cea, San Amaro e Antas de Ulla) e 3 están en tramitación, no proceso de avaliación ambiental estratéxica (Chandrexa de Queixa, Montederramo e Pantón).