A Xunta aproba de forma inicial o plan básico municipal de San Cristovo de Cea, que disporá dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe deste trámite ao alcalde deste municipio, José Luis Valladares

Esta ferramenta permitirá ao concello ourensán ofrecer capacidade de acollida residencial e económica

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.989 habitantes, clasifica 82 núcleos rurais en 13 parroquias e cataloga 530 elementos do patrimonio cultural

Tras o paso dado hoxe, o documento someterase a información pública durante 2 meses e solicitaranse os informes sectoriais preceptivos para a aprobación definitiva

A Xunta promove Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais para impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible

San Cristovo de Cea (Ourense), 18 de xuño de 2025

A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) de San Cristovo de Cea para dotar o municipio ourensán dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.

No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.989 habitantes, clasifica un total de 82 núcleos rurais, repartidos en 13 parroquias.

Ademais o Plan tamén contempla un total de 530 elementos de patrimonio cultural, clasificados do seguinte xeito: Bens de Interes Cultural (BIC), 1 arquitectónico, 10 artísticos e 18 etnolóxicos; e Bens Catalogados, 71 arqueolóxicos, 128 arquitectónicos, 301 etnolóxicos e 1 relativo ao Camiño de Santiago.

Cómpre destacar que neste concello existe un único elemento declarado BIC como resultado dunha incoación individualizada: o Mosteiro de Santa María Real de Oseira.

Plan Básico Municipal

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais.

O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Na actualidade, hai cinco PBM aprobados definitivamente: Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo e Alfoz.

Tamén hai 14 PBM con aprobación inicial, como este caso de San Cristovo de Cea, ao que se suman Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz e Samos. Ademais hai outros plans pendentes de aprobación inicial como Antas de Ulla e San Amaro e outros tres para os que se está redactando o seu borrador.