A Xunta anuncia a licitación das obras de 43 vivendas públicas en San Paio de Navia, en Vigo, por 8,5 M€
Con esta licitación, a Xunta pon en execución todos os inmobles de promoción pública programados no Polígono 1 de Navia
Poderanse presentar ofertas dende o 22 de decembro ata o 12 de febreiro de 2026
Allegue avanza que o próximo luns adxudicaranse definitivamente as parcelas do Polígono 1 que a Xunta sacou a concurso
O Goberno galego planifica un total de 5.300 vivendas na cidade olívica, entre as 1.600 de promoción pública e as que poderán tamén construír promotores e cooperativistas nos ámbitos do Ofimático e Ramón Nieto
Vigo, 20 de decembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou que o próximo luns publicarase a licitación de obra para o inmoble de 43 vivendas da parcela M-IVA-16, no barrio vigués de Navia. Con este novo contrato, a Xunta activa a totalidade das promocións en execución no polígono 1 deste barrio da cidade olívica.
En concreto, publicarase a licitación da execución destes novos fogares por un importe de 8.525.882€ e poderán presentarse ofertas ata o 12 de febreiro de 2026.
A parcela que acollerá está promoción ten unha superficie de 1.407 m2 e permite a construción dun inmoble de catro plantas, no que se inclúe baixo, 3 plantas e baixo cuberta.
Allegue avanzou que tamén o próximo luns adxudicaranse definitivamente as parcelas do Polígono 1 de Navia que a Xunta sacou a concurso en febreiro para que cooperativas e promotores constrúan 153 vivendas protexidas. Trátase de 82 parcelas, repartidas en 9 lotes.
O Goberno galego ten en marcha en Navia, en diferentes fases, 920 vivendas. Con esta nova licitación de obra o Polígono 1 completaría a posta en execución de 352 fogares, que estarían xa en obras o coa obra licitada. No Polígono 2 están en redacción de proxecto as restantes vivendas, incluíndo os 80 aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos.
En Vigo, a Xunta planifica un total de 5.300 vivendas. Ademais dos 1.600 fogares públicos previstos en Navia, hai que sumar as que se construirán tamén, grazas á figura dos Proxectos de Interese Autonómico, por parte de promotores e cooperativas tanto no ámbito do Ofimático, 2.300, como as preto de 1.400 en Ramón Nieto.
O Goberno galego segue avanzando na Estratexia de vivenda pública e protexida para duplicar nesta lexislatura o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 vivendas libres. Xa están en marcha máis de 3.000 e no 2026 impulsaranse 1.000 máis.