A Xunta adxudica unha vivenda de promoción pública en réxime de aluguer na cidade de Ourense

Manuel Pardo explicou que as persoas beneficiarias xa se poden instalar na vivenda e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns

O delegado territorial subliñou que a Xunta habilita varios programas e medidas para atender as demandas de vivenda e recorda a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial de demandantes de vivenda en calquera momento do ano

Ourense, 11 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entregou esta mañá as chaves dunha vivenda, en réxime de alugueiro, emprazada na rúa do Vilar, no Casco Histórico da cidade de Ourense.

O delegado territorial explicou que a vivenda conta cunha superficie 50,65 metros cadrados distribuídos nun vestíbulo, cociña, salón-comedor, baño e un dormitorio. Nesta liña, indicou que ademais de garaxe, dispón na planta baixa de rocho cunha superficie útil de  5 metros cadrados, e dun lavadoiro-tendedeiro cunha superficie útil de 8,5 metros cadrados.

Durante a visita, Manuel Pardo salientou que a persoa beneficiaria, que xa se pode instalar na vivenda, pagará unha renda mensual en función dos ingresos;  e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns.

O representante autonómico explicou que as persoas interesadas en optar a estas adxudicacións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en calquera momento do ano, e lembrou que o Goberno galego traballa para ampliar o abano de potenciais beneficiarios, co foco posto na xuventude.

Neste senso, vaise elevar o límite máximo de ingresos requiridos e, como novidade, nas vivendas destinadas á venda introdúcese a reserva do 30% para persoas que teñan entre 36 e 45 anos con fillos. Mantense ademais a reserva para menores de 36 anos do 25% das novas vivendas que se constrúan para venda e do 40% para as destinadas a alugueiro.